Colegio oficial de arquitectos de Galicia - Delegación Lugo

COAGLUGO

15/06/2010 | Noticias

Cultura e Turismo anuncia o proxecto gañador para a rehabilitación do Cuartel de San Fernando como Centro de Interpretación e Museo da Romanización

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, fixo público hoxe en Lugo o proxecto gañador do concurso de ideas para a selección de anteproxectos de rehabilitación do Cuartel de San Fernando como Centro de Interpretación e Museo da Romanización. Roberto Varela anunciou na súa intervención unha “inversión aproximada de 10 millóns de euros” no que respecta a “un centro destinado a converterse nunha referencia para a investigación e difusión da nosa cultura e da nosa historia”. O acto de presentación dos premios do concurso de ideas contou coa presenza da delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias; o director xeral do Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel; o alcalde de Lugo, José López Orozco, así como algúns membros do xurado, formado por profesionais de recoñecido prestixio, representantes da Administración e técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural que avaliaron as 70 propostas de anteproxectos presentadas para o concurso internacional.

A proposta gañadora Perseo, dos arquitectos Pedro Colón de Carvajal Solís e Raquel Buj García, con sede en Madrid e autores doutros proxectos de envergadura como o Monumento ás Vítimas do 11-M, constitúe para o conselleiro un anteproxecto que cumpre coas esixencias de respecto “coas características esenciais do Cuartel de San Fernando e coa contorna urbana que lle rodea, especialmente a Muralla de Lugo”. Roberto Varela destacou do anteproxecto a “sutileza e delicadeza das actuacións que propón no Cuartel de San Fernando, como a entrada de luz a través dunha disimulada fenda na cuberta ou o equilibrio no deseño espacial das salas expositivas e dos lugares de traballo”. O titular de Cultura salientou asemade “a transformación do patio nun espazo cuberto que posibilita múltiples relacións e usos e a liberación que se fai da fachada posterior, que favorece a visión completa do monumento neoclásico”.

O conselleiro amosou a súa satisfacción polo bo desenvolvemento da elección e a exemplaridade do proceso, que desembocou “nun día tan importante para Galicia”. Roberto Varela asegurou que “o xurado tivo moi en conta a excepcional importancia do Cuartel de San Fernando no que se emprazará este Museo da Romanización”, que para a Consellería de Cultura e Turismo “será unha infraestrutura primordial no programa da Rede Galega do Patrimonio Arqueolóxico” na que se integran asemade, os Centros de Interpretación de Arte Rupestre en Campo Lameiro, o da Cultura Castrexa de San Cibrao de Las e o do Megalitismo da Costa da Morte. Acerca do Cuartel de San Fernando, edificio do século XVIII, o titular de Cultura subliñou a súa calidade de “Ben de Interese Cultural e que ten unha extraordinaria importancia dentro da arquitectura neoclásica civil de Galicia pola súa sinxeleza, a súa funcionalidade e a súa singularidade arquitectónica”.

O concurso de ideas para a construción do Centro de Interpretación e Museo da Romanización seleccionou tamén como segundo premio o proxecto Ianus, deseñado polos arquitectos Jacobo Bouzada Jaureguízar e Jesús Sanz Castro; o terceiro premio foi para Zócalo, do estudio Hago S.L. En canto aos accésits, o primeiro foi para a proposta Pasadera, de Luis de la Rica Castedo, e o segundo foi para o proxecto Cittá Aperta, de Felipe Peña Pereda.

noticia completa