Colegio oficial de arquitectos de Galicia - Delegación Lugo

COAGLUGO

27/09/2011 | Cursos

CIDADEIDENTIDADE. iCOR: SEMINARIO+WORKSHOP+LABORATORIO

cidadeidentidade é un espazo de observación, reflexión e investigación promovido pola Comisión de Cultura da Delegación en Lugo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, no que se pretenden acoller diversas actividades que poidan aportar algún coñecemento sobre a identidade da cidade, considerada dende o plano da relación espacial, visual, perceptiva e sentimental cos seus habitantes, tanto globalmente como dende os seus distritos e barrios.

Pretende ser un espazo multidimensional porque a cidade non pode ser estudada dende una sola dimensión do coñecemento e pretende sobre todo non esquecer os problemas de relación espazo-cidade vs. individuo-colectividade.

O fin último é intentar descubrir o xeito de axudar a construír unha identidade colectiva aberta que vincule aos habitantes co espazo cidadán, sen exclusións nin diferenciacións, e que lles invite a intervir dun xeito fluído e natural no deseño da súa cidade e dos seus barrios, para que sexan capaces de demandar un espazo público e ético de calidade, con propiedades estéticas tanto de carácter formal como espacial, pero sobre todo que sexa capaz de catalizar as relacións sociais entre os cidadáns.

icor é o primeiro proxecto que se realiza no espazo cidadeidentidade.

A primeira relación visual e perceptiva da cidade é a paisaxe urbana, o concepto de paisaxe urbano non é estático, non so configúrano os edificios privados e os espazos públicos. A peza básica é o cidadán, a paisaxe empeza a existir cando os cidadáns saen da casa e o fan seu.

O fin básico de vivir mellor depende en gran medida da calidade dos espazos cidadáns e a súa percepción ten unha relación directa coa composición formal deses espazos. Pode xerar emocións, sensacións ou crear determinados estados de ánimo nel que se move polo campo visual dun recorrido urbano ou do que usa o espazo urbano como estancia.

A cidade como escenografía catalizadora.

A experiencia, memoria, mapas mentais da cidade, tipoloxías arquitectónicas, cantidade de masa construída, organización focal da visión e do movemento, textura e cor dos edificios son categorías susceptibles de converterse en instrumentos de identidade cidadán.

É importante entender que cando falamos da paisaxe, a suma do privado e do público forman o colectivo, na paisaxe urbana non é o privado individual e o público colectivo, todo é colectivo porque é o uso o que o significa e non a propiedade. O cidadán ha de ser consciente de que o exterior do seu edificio posúe un valor colectivo de paisaxe aproveitable para todos os cidadáns.

Por iso a cor coa que se trazan os exteriores dos edificios é parte dun valor colectivo identitario e é o obxecto do primeiro proxecto de cidadeidentidade, que denominamos icor, coa i de identidade.

icor desenvólvese en tres fases sucesivas:

1ª. Seminario Internacional Cor e Cidade.

Celebración dun Seminario Internacional co tema da relación entre a cor e a cidade.

Desenvolverase ao longo dun mes en venres e sábados, cunha duración total de 44 horas.

Os poñentes serán:

  • Prof D.Ignacio Pérez-Jofre Santesmases: Doutor en Belas Artes e profesor na facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo.
  • Pinturas Todocolor: Empresa de pinturas lucense.
  • Prof Dna. María Vázquez López : Licenciada en Historia, profesora de Arte da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo.
  • Prof D. Mario Bisson: Arquitecto. Responsable científico do Laboratorio da Cor de INDACO do Politécnico de Milán.
  • Prof D. JoséAguiar Portela da Costa: Doutor Arquitecto. Presidente do Icomos Portugal. Profesor na facultade de Arquitectura da Universidade de Lisboa.
  • Dna. Blanca Besteiro García: Restauradora.

Seminario homologado pola EGAP (Escola Galega de Administración Pública).

2ª. Workshop internacional Cor e Cidade.

Workshop formativo teórico-práctico sobre a aplicación práctica da cor na cidade.

Desenvolverase en 3 días, venres, sábado e domingo cunha duración total de 24 horas, 8 diarias.

Impartido polo Laboratorio da Cor do Politécnico de Milán.

Laboratorio “Ensanche da Ramella”.

Laboratorio formativo práctico experiencial.

O seu fin será a formación de 10 arquitectos, coa carreira terminada nos últimos 5 anos colexiados ou que se colexiarán antes do inicio do iCOR, na elaboración de plans de cor. Coordinados por 4 arquitectos con experiencia na intervención no patrimonio e en xestión deestudis e coordinación de equipos de arquitectos.

Elaborarase un traballo final, que será o establecemento dun código cromático e a súa aplicación, para a posta en valor da arquitectura prerracionalista e racionalista no Ensanche da Ramella no Casco Histórico de Lugo.

Desenvolverase ao longo de dous meses.

A Delegación de Lugo abre un blog específico destinado a informar de todos os contidos propios desta actividade cultural: blog iCOR