Froito dun ano de laboriosidade, o fotógrafo Fernando Páez (Ribadeo, 1953) preséntanos “Ás portas de Rinlo”, a súa persoal visión das xentes e paisaxes deste lugar primixenio e antigo. O gusto do fotógrafo pola representación silenciosa do paso do tempo (“Incursións”, 2005) e o pulso para captar o inenarrable continúan vivos neste novo traballo.
O artista retrata os veciños en actitude estoica ás portas das súas casas ou no límite do espazo transitado dos cantís, captando a súa ineludible e dura existencia diaria. As imaxes austeras, melancólicas e naturalistas son tanto unha homenaxe ás persoas e a natureza portentosa que os protexe e alimenta como unha reflexión sobre a sinxela e heroica relación que o mundo tradicional é capaz de establecer co medio que habita e constrúe. O artista capta a resonancia poética desta existencia e conmovenos coa representación do mais humilde, inhóspito ou extravagante; marcas propias da identidade elusiva deste lugar.
“Ás portas de Rinlo” forma parte da iniciativa “A prol de Rinlo BIC” apoiada por diferentes institucións, entre elas o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia que patrocina esta exposición. A intención é resaltar a singularidade e os valores patrimoniais característicos de Rinlo a través da mirada atenta e sensible da arte, reivindicando o valor do vernáculo e a paisaxe histórica. O fin que nos alenta é o de promover a causa da súa conservación, concienciando ós cidadáns da importancia de defender e valorar o propio. Sumar vontades a favor da protección e declaración de Rinlo un Ben de Interese Cultural pode ser o primeiro paso cara a unha actitude máis responsable
cos entornos tradicionais en que vivimos, unha oportunidade para comezar a construír un futuro sen perder o sentido e o significado do pasado. Non temos a certeza de conseguilo pero estamos aquí para intentalo.
Carlota Eiros. Arquitecta.