Colexio oficial de arquitectos de Galicia - Delegación Lugo

COAGLUGO

01/04/2016 | Noticias

Posta en valor do Camiño Primitivo de Santiago na cidade de Lugo

O pasado xoves día 15, na Casa do Concello, os historiadores lucenses Adolfo de Abel Vilela e Ricardo Polín presentaranlle oficialmente á alcaldesa de Lugo, dona Lara Méndez, un completo dossier da súa autoría coas actuacións que estiman prioritarias para a potenciación do Camiño Primitivo como Ben de Interese Cultural, así como para que a cidade de Lugo e os seus arrabaldes exerzan o protagonismo que lles corresponde conforme cos postulados da UNESCO para os bens que ostentan esa alta distinción.

Dito informe contempla un cento de propostas concretas e argumentadas en relación a aspectos tan diversos como a recuperación da traza arqueolóxica e a toponimia tradicional, posta en valor de elementos simbólicos e instalación de escultura emblemática, sinalización e adecentamento da trama urbana en lugares de especial significación, aproveitamento do patrimonio arquitectónico e relixioso, incentivación do turismo cultural, rexeneración paisaxística, irmandamentos e reforzo das conexións históricas, etc.

Acto seguido, na Sala de Xuntas do Concello de Lugo, os autores realizarán unha posta en común deste proxecto aos representantes de todos os grupos políticos presentes na corporación municipal, coincidindo coa declaración do 2016 como “Ano do Camiño Primitivo” pola Xunta de Galicia, así como do recente acordo do Consejo Jacobeo para promocionar as rotas do Norte.

* Con afán divulgativo e coa finalidade de propiciar unha toma de conciencia sobre o propio terreo, os autores promoverán a realización en datas próximas de un percorrido guiado pola trama histórica do Camiño Primitivo ao paso pola cidade de Lugo, aberto á participación dos representantes políticos e da sociedade lucense no seu conxunto.

Comentarios

Ainda non existen comentarios para esta nova. Crea o primeiro completando o seguinte formulario.

* Todos os comentarios serán moderados antes da súa publicación.

Enviouse o comentario correctamente. Todos os comentarios son moderados antes de ser publicados. Grazas.

Enviar un novo comentario