Colexio oficial de arquitectos de Galicia - Delegación Lugo

COAGLUGO

19/07/2016 | Exposicións

Exposición Itinerante: “15 anos do ProxectoTERRA”

O Colexio de Arquitectos de Galicia inaugurará o 19 de xullo en Lugo unha exposición con motivo do décimo quinto aniversario do ProxectoTERRA

 

Mostraranse oito prismas coa produción didáctica elaborada para o ensino obrigatorio sobre arquitectura, territorio e paisaxe galegas

 

Máis de 45.000 escolares participaron desde o ano 2000 nas visitas guiadas e intercambios territoriais da iniciativa de cooperación educativa

 

O Colexio de Arquitectos de Galicia inaugurará o vindeiro martes, día 19, na Praza de San Marcos de Lugo a exposición conmemorativa “15 anos do ProxectoTERRA”, composta por oito prismas onde se mostra o transorrer desta iniciativa de cooperación co mundo da educación, dirixido ás distintas etapas da Educación Obrigatoria.

 

 

O obxecto do ProxectoTERRA é contribuír a mellorar o coñecemento que os escolares deben ter da arquitectura e da identidade territorial galega. O acto de inauguración, que se celebrará ás 12:30 horas, contará coa asistencia do presidente da Delegación de Lugo do Colexio de Arquitectos, Raúl J. Veiga, cos membros da xunta directiva; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; a secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta de Galicia, Encarnación Rivas, xunto outras autoirdades locales; e o coordinador do Proxectoterra e responsable da montaxe da exposición, Xosé Manuel Rosales.

 

O ProxectoTERRA nace no ano 2000 por iniciativa do Colexio de Arquitectos de Galicia, o cofinanciamento da Xunta de Galicia e a colaboración da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, TVE, ONCE, Nova Escola Galega e Arquitectura Sen Fronteiras. Destinado a todas as etapas educativas –Infantil, Primaria e Secundaria–, o proxecto pretende mellorar a formación que as galegas e os galegos deben ter sobre os espazos e lugares que se habitan, uns lugares e paisaxes cheas de valores que son resultado dun lento e laborioso proceso de transformación do medio no que se vive.

 

O ProxectoTERRA procura ser un punto de encontro que contribúa a que o conxunto da cidadanía teña un mellor coñecemento de como ao longo do tempo se foi construíndo o país, alimentando a necesidade de reflexionar criticamente sobre o patrimonio construído, a tradición herdada –da que se debe aprender– e sobre as prácticas arquitectónicas e de ocupación do territorio que se deben evitar, para así estar en mellores condicións de propoñer e desexar os espazos a habitar. En 2010 ProxectoTERRA recibíu o Premio Nacional de Urbanismo do Ministerio de Fomento, e en 2011 a Fundación Premios da Crítica de Galicia concedeulle o Premio de Iniciativas Culturais.

 

Os materiais elaborados polo ProxectoTERRA son distribuídos gratuitamente á totalidade dos centros educativos de Galicia, uns 1.400 centros de Infantil, Primaria e Secundaria públicos, privados e concertados. Grazas ao financiamento da Xunta de Galicia, a iniciativa desenvolveu unhas 900 actividades complementarias, entre visitas guiadas de arquitectura e cidade e os intercambios territoriais, nas que participaron uns 150 centros, na súa maioría públicos e de Educación Secundaria, e un total de 45.000 escolares. O profesorado tamén recibe cursos de formación. O ProxectoTERRA impartíu desde os seus inicios uns 55 cursos formativos nos que participaron 2.400 profesores das distintas etapas educativas.

 

Nesta mostra preséntanse os últimos recursos educativos elaborados: “PAGUS. Galicia, un país de paisaxes” (2015), dirixido á Educación Secundaria, e “Sabela e as zocas máxicas” (2014), dirixido á Educación Infantil. Para os estudantes de Secundaria, o ProxectoTERRA editou en 2015 o recurso educativo Pagus. A publicación, composta por catorce paisaxes galegas, preséntase en dous volumes, o libro do alumnado e a guía do profesorado, e ten como marco de referencia o Convenio Europeo da Paisaxe e o currículos educativos vixentes co fin de seguir os criterios do Consello de Europa sobre a necesidade de fixar obxectivos e metodoloxías na materia de paisaxe e desenvolvemento sustentable no eido do ensino obligatorio.

 

Casa, escola e camiño

 

Ademais, a exposición exhibirá os contidos do libro infantil “Sabela e as zocas máxicas”. Trátase dunha publicación que forma parte dos recursos educativos elaborados polo ProxectoTERRA para Educación Infantil co obxecto de orientar a observación e a vivencia dos espazos cotiás no ánimo de facelas o máis diversas, persoais e completas posibles. Foi creado e escrito por Lorena Mª Croques, Mª José del Río e Miriam Sedes, con ilustracións de Óscar Villán.

 

Este conto narra o camiño da casa á escola de Sabela. É a idea que articula as tres historias do conto como un “achegamento multisensorial e emocional/afectivo” ao espazo vivido, que axuda a facer máis rica a construción mental que nestas idades temperás se está a facer dos tres ámbitos máis significativos na vida dos cativos: a casa, a escola e o camiño que percorren todos os días dunha á outra. Son tres ámbitos, o privado, o social e o público, que estarán presentes ao longo das vidas e que xa se constrúen desde pequenos.

 

A mostra percorreu de forma itinerante as sete grandes cidades galegas e permanecerá exposta en Lugo ata o vindeiro 25 de xullo.

 

Comentarios

Ainda non existen comentarios para esta nova. Crea o primeiro completando o seguinte formulario.

* Todos os comentarios serán moderados antes da súa publicación.

Enviouse o comentario correctamente. Todos os comentarios son moderados antes de ser publicados. Grazas.

Enviar un novo comentario