Colexio oficial de arquitectos de Galicia - Delegación Lugo
02/10/2017 | Convocatorias
As Seccións Nacionais membros da Unión Internacional de Arquitectos (UIA), levan a cabo diferentes actos para celebrar o Día Mundial da Arquitectura, que desde o ano 1997, celébrase o primeiro luns do mes de outubro, coincidindo co DÍA MUNDIAL DO HÁBITAT.
Este ano o Día Mundial da Arquitectura conmemorarase o luns 2 de outubro, co lema: ACTUEMOS CONTRA O CAMBIO CLIMÁTICO!
A ameaza do cambio climático é real. A vertixinosa urbanización e o incremento do sector da construción elevaron notablemente o noso consumo de enerxía de combustibles fósiles e a emisión de gases de efecto invernadoiro.
A UIA apoia toda iniciativa derivada do Acordo adoptado na Conferencia sobre cambio climático celebrada en París en 2015 dirixida a loitar contra os efectos do quecemento global sobre o medio ambiente e as persoas. A UIA fai un chamamento a todos os arquitectos e organizacións de arquitectura de todo o mundo para axuntar esforzos co obxectivo de responder a estas iniciativas.
O día 2 de outubro as Seccións membros da UIA están convidadas a celebrar e compartir os seus logros e formulacións en innovación e arquitectura sustentable en beneficio de toda a sociedade.
Na Delegación de Lugo do COAG eliximos un edificio do noso ámbito próximo que se presenta como exemplo de sustentabilidade fronte ao reto de emisións cero, a sede da empresa de enerxía Norvento, obra do arquitecto Patxi Mangado.
Moitos son os argumentos que xogan a favor do compromiso deste edificio co medio ambiente, especialmente se temos en conta que a actividade fundamental da empresa propietaria está fundamentada na investigación neste campo. A lóxica e a sinxeleza como principios son as súas formulacións básicas.
O edificio é autónomo energéticamente e non está conectado á rede.
Este edificio, centro de investigación de Norvento, atópase no límite entre un polígono industrial e un bosque adxacente, xunto á cidade de Lugo. O proxecto adopta a forma que permite estar aberto e en continuidade co bosque, aproveitando os valores que este pode achegar á arquitectura, á vez que se pecha cara á contorna pouca interesante do polígono adxacente. Desta maneira o problema convértese, a través da solución dada, nunha oportunidade para ofrecer un esquema claro con valores arquitectónicos, tipológicos e espaciais.
Esta delegación do COAG organiza unha visita ao edifico para 20 colexiados o luns 2 de outubro ás 11 horas, iniciándose fronte á entrada principal e para a que é necesaria a reserva de praza e inscrición na dirección xd.lugo@coag.es sendo os 20 primeiros os que poderán acceder.
O inicio da reserva é coa publicación desta noticia e o fin ata o venres 29 ás 24 horas ou ao cumprirse o límite de 20, por orde de inscrición. A lista definitiva publicarase o sábado 30 na nosa web de CoagLugo.
O colexiado interesado ha de facelo co seu nome completo, numero de colexiado e dirección de correo electrónico.
(Fotografías: Juan Rodríguez)
Ainda non existen comentarios para esta nova. Crea o primeiro completando o seguinte formulario.
Enviouse o comentario correctamente. Todos os comentarios son moderados antes de ser publicados. Grazas.