28/01/2010
Santiago Catalán, que desde cativo andou ao carrelo do mundo e mais das súas xentes, decidiu un bo día vir dar en chairego -e non soamente por razóns de consorcio conxugal- coa naturalidade de quen sabe que volve pisar, agora cos pes do corpo, as laxes de tantos camiños antes soamente imaxinados. E así, coa confianza dos que xa son da casa, vén hoxe ofrecérsenos aquí, no cerne da Terra Cha, deixando que xurdan desde o interior dese profundísimo espello que é a pintura unha chea de íntimas promesas que reflicten un mundo de ideas por riba das imaxes, de sentimentos antes que figuras, de desexos por diante da liña e da cor.
Catalán é un pintor certamente agradecido para aqueles que carecemos de autentico criterio para opinar de pintura e que nos sabemos incapacitados para entrar no labirinto da súa crítica. E é así porque o seu traballo estimula a ese Freud cativo que todos levamos dentro e convida ao escritor a moverse por espazos que lle son máis propios e nos que diminúe considerablemente o medo a esvarar e, sobre todo, a mancarse na caída.
Pinto mulleres porque iso é o que me sae..”, avisa o artista e así o comprobamos os demais, quen sabe se dispoñéndonos a caer no pedante exercicio de lle procurar motivacións de carácter máis ou menos arrevesado a un comportamento que, despois da explicación por el confesa, resulta obvio e non precisa de maiores aclaracións. Se cadra poderiamos singularizar o substantivo: Santiago Catalán pinta –ou sente que debe pintar- a muller. E non soamente a femia do xénero humano senón a femia de todas as especies, a que posúe a capacidade xenial de suxerir nos demais cada pinga de vida nova antes de concedela por enteiro. A muller na moura fondura dos ollos amendoados, na boca xa bicada que se ofrece outra vez, na curva delongada dos lóbulos que pechan a circunferencia metálica do pendente, na insinuante aréola duns peitos sempre túrxidos, na pinga omnipresente do pintado lunar da meixela, na insinuante actitude felina que cada trazo concede.
Paco Martín