Colexio oficial de arquitectos de Galicia - Delegación Lugo

COAGLUGO

01/10/2010 | Noticias

Día da arquitectura 2010

Día da arquitectura ano 04 de outubro de  2010

Delegación de Lugo.  Lugar de Vilar de Donas

 

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia celebrará o vindeiro día catro de outubro o Día Mundial da Arquitectura con diferentes actos tomando como referencia o lema “O Camiño de Santiago”.

 

Cada Delegación do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia toma como referencia un tramo do Camiño que discorra polo seu ámbito xeográfico, seleccionando unha intervención nova, unha intervención histórica de valor etnográfico e unha paraxe natural ou tramo físico de especial interese do propio Camiño.

Os actos consistirán na visita e recoñecemento específico do camiño como vertebrador territorial.

 

A delegación de Lugo escolleu o lugar de Vilar de Donas situado na comarca da Ulloa,  no municipio de Palas de Reis.  Un enclave suxerente e cargado de enigmas onde conflúen nun “punto gordo” os camiños de santiago primitivos e francés.

Lixeiramente afastado do roteiro a uns  catro quilómetros surxe de entre o ondulado paisaxe un pequeno núcleo xirando entorno a un mosteiro e a igrexa de San Salvador –hoxe de Santiago- de Vilar de Donas.

 

A igrexa constrúese na primeira metade do século XIII, debido o incremento patrimonial do mosteiro pertencente o priorato santiago  e a protección dispensada por Alfonso IX e Fernando III durante esa centuria. Inicialmente foi fundado  como mosteiro feminino a principios do século XII por dúas mulleres  da familia Arias de Monterroso e máis tarde pasou a propiedade da Orden de Santiago encargada de protexer o Camiño de Santiago e os peregrinos.

 

Nun lugar cargado de misticismo  a delegación de Lugo do COAG aprecia as singularidades que o fan merecedor de recoñecemento no día mundial da arquitectura do ano 2010:

 

  1. Como actuación nova, recoñecer a calidade, contemporaneidade e vixencia das obras de rehabilitación levadas a cabo no ano 1999 (Crecente Maseda e López Guitar)  destacando a cobertura da zona onde se situaba o cabildo frontal coa intención de protexer a portada e as excelentes esculturas cunha cuberta a dúas augas de vidro, lousa, madeira e aceiro que permiten ver toda a fachada.
  2. Como construción tradicional resaltar os restos do mosteiro matriz da igrexa,  fontes e pontes que rodean o lugar. Se ben se sabía da existencia destes elementos pola exhaustiva descrición feita por un visitador do rei a finais do século XV que levantou acta do existente en aquel mosteiro, foi durante a realización da 2ª fase das obras de mellora cando apareceron como dirixidas por un plan director as trazas da configuración do claustro e a disposición de elementos seguindo as ríxidas pautas dos mosteiros do cister: escaleiras, portas da adega e conducións soterradas de auga que rodean a igrexa, pezas labradas de enorme interese, que a pesares do estado de deixadez do conxunto, contribúen a acrecentar os enigmas que rodean esta paraxe  que afastado do camiño exerce  unha atracción extática sobre os peregrinos que ata alí se acercan.
  1. O conxunto e contorna completan as construcións resaltando a carballeira de Vilar de Donas a 100 metros da igrexa. A carballeira usada como campo da festa forma parte dun conxunto formado por unha igrexa, a casa da cultura do pobo, cruceiro e merendoiro.

 

En Lugo, 01de outubro de 2010.

Comisión de Cultura de COAG Lugo.

 

Agradecementos:

  1. D. Manuel López Guita e D. Mario Crecente, arquitectos redactores do proxecto de mellora da igrexa, que cederon desinteresadamente os seu planos.

 

Bibliografía:

  1.  “Arquitecturas no camiño, 1994-2004”,Colexio oficial de  arquitectos de Galicia Xunta de Galicia,2004
  2. “As carballeiras en Galicia”, Amparo Casares Gallego, Xunta de Galicia 2008
  3. “Informe histórico artístico valorativo das excavacións arqueolóxicas” en Vilar de Donas, D. Jose Luis Novo Cazón. Historiador
  4. "El priorato santiaguista de vilar de donas en la edad media (1194-1500)" Jose Luis Novo Cazón, Fundación "Pedro Barrié de la Maza", Instituto "P: Sarmiento" de estudios gallegos, 1986