Colexio oficial de arquitectos de Galicia - Delegación Lugo

COAGLUGO

17/02/2011 | Exposicións

Conferencia e inauguración. Markku Salo. “Vientos del Norte””

Lugo recibe por primeira vez no norte de España as obras do máximo expoñente europeo en vidro

Trátase de Markku Salo, deseñador con traballos expostos no Corning Museum of Glass de Nova York, Victoria&Albert de Londres, ou no Museo Nacional de Estocolmo

Lara Méndez presentou “Vientos del Norte”, a nova exposición do CENTRAD que acolle a Capela de Santa María dende o 17 de febreiro ó 27 de marzo.

Traxectoria profesional

Este “escultor de vidro” de orixe finlandés iniciou os seus estudos na Universidade de Arte e Deseño de Helsinki. Recén licenciado en deseño industrial, en 1979 comezou a súa carreira profesional deseñando produtos electrónicos ata que, en 1983, foi contratado na factoría de vidro máis antiga de Finlandia: Nuutajarvi. Durante este período, Salo logrou combinar a fabricación de habituais pezas de vidro, coa labor artesanal, o deseño, e as novas tecnoloxías. Logo de recibir en 1989 o Premio Estatal de Deseño, sucedéronse os galardóns nacionais como o de Estado de Finlandia para Artes Aplicadas e Industriais, e os Internacionais como o Georg Jensen ó deseño nórdico.

As súas obras están en museos de todo o mundo: Corning Museum of Glass de Nova York, Victoria and Albert Museum de Londres, ou no Museo Nacional de Estocolmo. Ademais, tamén forma parte de emblemáticas firmas como Hcakman, Iittala ou Aarikka. Actualmente, aínda que é coñecido sobre todo pola súa faceta artística, ten a súa propia gama de fabricación de produtos baixo a marca Markku Salo, e a súa propia compañía industrial: Muotohuone Oy.

“Vientos del Norte”

“Vientos del Norte” chega a Lugo logo de estar presente exclusivamente en dous centros máis en España: no Museo da Real Fábrica de Cristais de La Granja, en Segovia, e no Museo de Arte en Vidro de Madrid. A mostra está composta polas últimas creación do artista, así como das de máis renome. É o caso da “Amazona 1991”, unha obra en forma de vestido, de 2,5 metro de alto, composta de vidro fundido en molde e soprada ó aire sobre armazón metálico. Todas as pezas son diferentes xa que Markku Salo non quixo caer en ningunha técnica específica senón que as emprega libremente como medio de expresión. Deste xeito, xoga coas texturas de superficies, calidades, cor, transparencias e as formas do vidro que combina con outros materiais como madeira, metal, pedra, ou o plástico.

Conferencia e inauguración

Markku Salo ofrecerá unha conferencia este xoves, ás 18:30 horas, no Salón de Actos da Deputación na que abordará sobre as posibilidades económicas do deseño de vidro. A continuación, ás 20:30 horas, o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurará “Vientos del Norte”. Ademais de Gómez Besteiro, Lara Méndez e Salo, no acto está prevista a asistencia do Embaixador de Finlandia en España, Markku Keinanen, así como o Director do Instituto Iberoamericano de Finlandia, Martti Parssinen.

A partir da inauguración, o horario de visitas é o seguinte: de luns a venres, de 10:30 ás 14:00 horas, e de 17:00 ás 20:00 horas; os sábado, de 17:00 ás 20:00 horas; e os domingos e festivos, de 11:00 ás 14:00 horas.

noticia completa