Colexio oficial de arquitectos de Galicia - Delegación Lugo

COAGLUGO

12/04/2011 | Xornadas

Xornadas "CULTURA E TERRITORIO" en Lugo, dentro da campaña "Ponte no Medio, Móvete polo Territorio"

Dentro da campaña “PONTE NO MEDIO. MÓVETE POLO TERRITORIO”, cuxo lanzamento tivo lugar o pasado 16 de abril en Santiago de Compostela,  ADEGA organiza a xornada “CULTURA E TERRITORIO”, contando co patrocinio da Área de Cultura e Deporte de  Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo. Será osábado 30 de abril no Salón de Actos da Deputación Provincial de Lugo, sita na Rúa San Marcos, desde as 10 até as 20 horas. A Xornada “Cultura e Territorio” pretende trasladar á sociedade galega unha dobre mensaxe: debemos frear a desfeita territorial e procurar unha alternativa sustentable de ordenación, que conciba  o territorio como un valor patrimonial e cultural que debemos protexer. Baixa o  Programa das Xormadas (0,4 Mb)

O acto contará con tres mesas de debate nas que se analizarán a relación da tradición oral, da cultura galega e da arquitectura co territorio galego. Na primeira das mesas-coloquio, dedicada á tradición oral, intervirán voceiros do proxecto educativo Ponte nas Ondas, do Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca e o escritor e investigador da mitoloxía popular, Antonio Reigosa. A relación entre a cultura galega e o territorio será tratada polo experto en filoloxía medieval Ricardo Polín, o coordenador do Proxecto Terra, Xoan Manuel Rosales, e a autora de “Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio”, María López. Por último, na mesa sobre arquitectura e territorio participarán especialistas recoñecidos neste eido como os catedráticos en arquitectura Manuel Gallego Jorreto e Pascuala Campos Michelena, e dous dos coordinadores  do proxecto “A Cidade dos Barrios” da Coruña promovida polo Colexio de Arquitectos de Galicia.

A mestra de música tradicional, Branca Villares, e os arquitectos Carlota Eirós e Alberte González encargaranse de  moderar as respectivas mesas de debate.

Ás 12.30 horas, o politólogo galego e profesor titular de Ciencias Políticas e Administración da Universidade Autónoma de Madrid, Carlos Taibo, dará unha  conferencia sobre a ”Teoría do decrecemento”.

Para máis información, tfno: 982240299.

máis información