Colexio oficial de arquitectos de Galicia - Delegación Lugo

COAGLUGO

09/09/2011 | Noticias

O COAG RECIBE O PREMIO NACIONAL DE URBANISMO E MEDIO AMBIENTE POLO PROXECTOTERRA

O Ministerio de Fomento fixo entrega o xoves 8 a través dun acto organizado pola Secretaría de Estado de Vivenda e Actuacións Urbanas nas súa sede en Madrid, do Premio Nacional de Urbanismo e Medio Ambiente 2010 ao Proxectoterra.

A Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, acudiu a recoller o galardón de mans da Secretaria de Estado, Beatriz Corredor, acompañada do Decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Jorge Duarte.

O Xurado dos Premios Nacionais de Arquitectura, Vivenda e Urbanismo que concede cada ano o Ministerio de Fomento está integrado por técnicos expertos e os galardoados do ano anterior. Nesta edición tamén foron premiados na categoría de Vivenda o Patronato Municipal de Vivienda de Barcelona e na de Arquitectura ao arquitecto Lluís Clotet.

Co fin de impulsar a actividade desenvolvida polo COAG a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas renovou no ano 2009 convenio de colaboración ata o ano 2013 co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) polo que se fai unha achega de 800.000 euros, divididos en 4 anualidades, co que fai un total de máis de 1,4 millóns de euros o investido pola Xunta de Galicia para desenvolver este proxecto.

O Proxectoterra está dirixido ás distintas etapas da Educación Obrigatoria co fin de contribuír á mellora da formación dos escolares galegos sobre espazos e habitantes dos mesmos.

Entre as actividades a desenvolver durante este curso en Educación Primaria destacan as visitas guiadas de arquitectura e cidade que tamén serán ofertadas de xeito xeralizado aos centros escolares para o vindeiro curso 11-12 e se desenvolverán nas sete cidades galegas. A diferenza das actividades para Secundaria, as de primaria buscan provocar a vivencia máis directa do alumnado cos aspecto máis sensoriais e perceptivos dos espazos que habitamos.

Balance
Desde o curso 2006-07 desenvolvéronse 500 actividades para ESO (visitas guiadas de arquitectura e cidade + Intercambios territoriais) que contaron coa participación de 23.000 escolares de ESO procedentes maioritariamente dos centro públicos dos que xa teñen participado o 40% deles ao longo destes anos.

Nos cursos e xornadas de formación do profesorado participaron 900 profesores de secundaria e 1000 mestres primaria ao longo dos últimos cinco anos. A día de hoxe, o 100% dos centros públicos e o 70% dos centros concertados e privados teñen os materiais do Proxectoterra para Ed. Secundaria. Esta extensa difusión dos materiais do Proxectoterra nos distintos niveis da educación obrigatoria acada o 100% dos centros que imparten a Ed. Primaria en Galicia, tanto públicos, como concertados e privados. O envío gratuíto de todos os materias aos 923 centros acaba de rematar esta semana pasada.

Respecto a elaboración dos materiais do Proxectoterra para Educación Infantil dirixidos ao alumnado de 4-5 anos, remataranse neste 11-12 e procederse á súa edición e difusión e distribución no curso 12-13, no último curso do convenio vixente.

LA VOZ DE GALICIA_09/09/2011