Colexio oficial de arquitectos de Galicia - Delegación Lugo

COAGLUGO

10/09/2011 | Noticias

DÍA MUNDIAL DA ARQUITECTURA: 3 DE OUTUBRO

A delegación de Lugo do COAG (Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia) celebrará o Día Mundial da Arquitectura convidando aos lugueses a quitar fotos de prazas e espazos públicos, que se poderán enviar a través da web de El Progreso ata o 20 de setembro. Estas imaxes participarán  posteriormente tamén no tradicional concurso de Acertos e Desastres Arquitectónicos.

Como todos os anos, as seccións nacionais membros da Unión Internacional de Arquitectos levan a cabo diferentes actos para celebrar o Día Mundial da Arquitectura, que dende 1997 se celebra o primeiro luns de outubro, coincidindo no Día Mundial do Hábitat. Este ano, a efeméride coincide o 3 de outubro e o seu tema será 'Arquitectura e dereitos humanos'.

A comisión de cultura da delegación de Lugo do COAG pensa que "o espazo que mellor pode acoller os dereitos humanos é o espazo público, entendendo que nel dilúese a fronteira entre o público e o privado. O uso faino colectivo". Así pois, decidiu dedicar esta efeméride á praza ou espazos afíns como símbolo do espazo público colectivo: á ágora como orixe da cultura, a democracia e os dereitos humanos.

Coa convocatoria que se fai a medias coa web de El Progreso, o colexio quere facer "unha actividade na que se poidan implicar o número máis numeroso de cidadáns, que provoque unha reflexión do que supón o espazo público colectivo e que sexa una actividade extensiva a todo o ámbito da delegación, neste caso a provincia de Lugo".

Admitiranse fotos de espazos públicos colectivos de todas as cidades, vilas, pobos e aldeas da provincia lucense nas que apareza reflectido o uso dese espazo polos e polas cidadáns. É dicir, non valen fotos 'mortas', senón que ten que aparecer algunha persoa facendo uso desa praza.

As devanditas fotos utilizaranse inicialmente para facer unha proxección exterior no edificio da delegación aproveitando que estará rodeado de toda a actividade que xera a celebración das festas de San Froilán e que se inaugurará o 3 de outubro, Día Mundial da Arquitectura.

Ademais, as fotos pasarán automaticamente a formar parte do V Concurso de Fotografía Acertos e Desastres, que organiza a comisión de Cultura da Delegación do COAG en Lugo e que se convocará oficialmente para os últimos meses do ano. Non haberá, pois, que volver a envialas.

O prazo para enviar estas fotografías (as do Día da Arquitectura) é ata o 20 de setembro. As condicións e características destas imaxes serán as mesmas que na última edición do devandito concurso: admitiranse ata cinco fotos por categoría e IP, que deben ser orixinais, feitas con cámara dixital e non retocadas (agás algún filtro que mellore a calidade). Haberán de ser arquivos en formato JPG, cunha calidade mínima de 300 dpi e unha resolución de 4 Megapíxels. As fotos que cheguen despois do 20-S só participarán no concurso de Acertos e Desastres.

EL PROGRESO ANUNCIO_10/09/2011

EL PROGRESO FOTOGRAFÍAS DIA MUNDIAL DE LA ARQUITECTURA