Colexio oficial de arquitectos de Galicia - Delegación Lugo

COAGLUGO

21/09/2011 | Noticias

REGULACIÓN ASISTENCIA SANITARIA PÚBLICA ARQUITECTOS POR CONTA PROPIA

O Goberno, no prazo de seis meses, terá que regular o acceso á Asistencia Sanitaria Pública dos Arquitectos que exerzan unha actividade por conta propia.

O Pleno do Senado, aprobou o 14 de Setembro de 2011 unha emenda transaccional subscrita polo Grupo Parlamentario Socialista, Grupo Parlamentario Popular, Entesa Catalana de Progrés e Grupo Mixto, pola que se modifica o apartado 3 da Disposición Adicional Sexta do Proxecto de Lei Xeral de Saúde Pública, segundo a cal:

"No prazo de seis meses, o Goberno determinará regulamentariamente os termos e condicións da extensión do dereito para os que exerzan unha actividade por conta propia"

A emenda apoiada polos Grupos maioritarios do Senado, asegura con toda probabilidade que o texto mencionado se manterá na aprobación definitiva do Proxecto de Lei, que o Congreso votará a próxima semana.

O texto aprobado ten un alcance transcendente para os profesionais que exercen a súa actividade por conta propia e polo tanto para o colectivo dos Arquitectos polas seguintes razóns:

  • O texto aprobado polo Senado supón o recoñecemento do dereito á asistencia sanitaria pública para todos aqueles Arquitectos que exerzan como profesionais por conta propia, resultando especialmente beneficiados aqueles que na actualidade non están incluídos en ningún réxime da Seguridade Social. Faise así efectivo o principio de universalización de tal dereito, derivado da concepción da asistencia sanitaria pública, como unha prestación de natureza non contributiva e universal, que se financia polos impostos e non polas cotizacións á Seguridade Social.

  • Contén un mandato explícito e concreto ao Goberno, para que no prazo de seis meses faga efectivo tal dereito. No texto do Proxecto de Lei non existía tal mandato, só unha autorización ao Goberno, sen prazos nin contido.
  • Ponse fin así a unha discriminación histórica que non tiña xustificación obxectiva nin razoable, polo que se refire aos profesionais por conta propia, que non tiñan recoñecido tal dereito, polo que non se facía efectivo o mandato do artigo 43 da Constitución que recoñece o dereito á protección da saúde a todos os cidadáns sen excepción.
  • O recoñecemento legal é pleno para todos os profesionais que exerzan por conta propia, sen ningún tipo de restrición e con independencia de que os devanditos profesionais estean incluídos no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) ou perciban prestacións da mutualidade ou irmandade profesional correspondente.
  • Se ben o Goberno, no Regulamento que aprobe establecerá os termos e condicións da extensión de tal dereito, en todo caso de acordo co apartado 1 da citada Disposición Adicional Sexta, terá o alcance previsto na Carteira de Servizos Comúns do Sistema Nacional de Saúde, sen prexuízo das condicións concretas que se establezan regulamentariamente.