Colexio oficial de arquitectos de Galicia - Delegación Lugo

COAGLUGO

13/10/2011 | Exposicións

EXPOSICIÓN 2000-2010. 10 AÑOS DO PROXECTOTERRA

A Delegación de Lugo do Colexio de Arquitectos de Galicia inaugurou hoxe na Sala de Exposicións da Diputación Provincial de Lugo a mostra “Dez anos do proxectoterra”. Esta exposición itinerante ten por obxecto amosar o traballo e os resultados logrados a modo de balance deste tempo.
O proxectoterra naceu en xaneiro do ano 2000 co ánimo de contribuír a que os escolares e toda a cidadanía  perciban a arquitectura e o territorio como piares básicos da cultura.
A exposición, que permanecerá aberta ata o 5 de novembro, presenta todo o material elaborado ata o momento a través de documentación impresa e audiovisual.
O acto estivo presidido polo presidente da Delegación de Lugo do Colexio de Arquitectos, Raúl Veiga; o delegado de Cultura da Deputación de Lugo, Mario Outeiro; e o coordinador do proxecto, Xosé Manuel Rosales.
Durante esta primeira década de funcionamento do programa foi fundamental a colaboración que a Xunta ofreceu ao Colexio  a través da sinatura de sucesivos convenios con distintas Consellerías. Na actualidade, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas reforza o compromiso institucional co proxecto ata o 2013, nun período que permitirá a súa consolidación e extensión na educación secundaria, así como a súa difusión xeralizada na educación primaria.

A iniciativa, concibida como un programa de intervención educativa, axudou a mellorar o coñecemento que os escolares deben ter da arquitectura e identidade territorial de Galicia. As vías de intervención dentro da unidade do proxecto pasan pola elaboración de unidades didácticas e materiais de apoio para os escolares de primaria e secundaria, na formación do profesorado, a través de cursos e xornadas de formación, e pola realización de visitas guiadas de arquitectura e intercambios territoriais.

Un dos puntos máis atractivos do proxecto son as actividades complementarias, con visitas guiadas de arquitectura. Desde o curso 2006 ata a actualidade, téñense realizadas unhas 500 actividades cunha participación de  23000 escolares de educación secundaria (ESO), o que supón unha participación do 40% dos centros públicos. As visitas desenvólvense en cada unha das sete cidades galegas durante unha xornada completa. Os intercambios territoriais permítenlle aos escolares achegarse ao descoñecido mediante a visita a distintas formas de asentamento.

En relación aos cursos e xornadas de formación do profesorado, xa participaron uns 900 profesores de ESO e 1000 mestres de primaria ao longo dos últimos cinco anos. Na actualidade, todos os centros públicos e o 70% do concertados e privados teñen os materiais do proxectoterra para secundaria, como tamén todos os centros de primaria de Galicia.

As actuacións a levar a cabo ata 2013 comprenden a elaboración, edición e distribución de materiais para educación infantil, os cursos de formación do profesorado para a presentación dos materiais elaborados en educación primaria, e o desenvolvemento da oferta de visitas guiadas de arquitectura e intercambios territoriais en educación secundaria.  Todo o material elaborado no proxecto pódese descargar libremente na súa páxina web (www.coag.es/proxectoterra).

En outubro de 2010 o proxectoterra recibiu o Premio Nacional de Urbanismo, galardón que concede a Secretaría de Estado de Vivienda y Actuaciones Urbanas do Ministerio de Fomento.

O horario de visita da exposición será de 10:30 a 14:00 e de 16:30 a 20:30 horas, e os domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas.

Proxectoterra

EL PROGRESO_14/10/2011