Colexio oficial de arquitectos de Galicia - Delegación Lugo

COAGLUGO

10/11/2011 | Convocatorias

A VIII BIENAL IBEROAMERICANA DE ARQUITECTURA E URBANISMO ABRE A CONVOCATORIA PARA OPTAR ÓS PREMIOS.

A VIII Bienal Iberoamericana de Arquitectura e Urbanismo, promovida polo Ministerio de Fomento a través da Secretaría de Estado de Vivenda e Actuacións Urbanas, abriu o prazo para a presentación de propostas que desexen optar aos premios desta edición.

Cádiz albergará en setembro de 2012 a exposición e actividades académicas da VIII BIAU. O comité organizador reúnese hoxe alí para seguir ultimando os detalles desta bienal, que ten como lemaEstando o mar por medio, frase extraida dun canto popular chileno do século XIX e coa que hoxe a BIAU invita a reflexionar sobre a diferente evolución que tiveron as cidades a ambos os dous lados do océano Atlántico dende a época colonial ata a actualidade, malia seguir un mesmo patrón inicial. Tras ese diagnóstico, busca propoñer solucións para melloralas e facelas máis habitables e sostibles.

A VIII BIAU premiará os traballos e obras realizados en Iberoamérica, Portugal ou España nas seguintes categorías: Obras de edificación, urbanización e renovación urbana; publicacións (xa sexa en papel, como libros e revistas, xa sexa noutros soportes, como o formato vídeo); e traballos de investigación inéditos dedicados ao estudo da evolución das cidades españolas, portuguesas e iberoamericanas ou ao papel da arquitectura como ferramenta para a integración social, entre outros temas.

Ademais, a BIAU concederá premios á traxectoria profesional de arquitectos, entidades ou colectivos que desempeñasen un labor exemplar no campo da arquitectura e o urbanismo dende o punto de vista estético, funcional, social, técnico, económico ou ambiental.

Xunto a estes galardóns, que carecen de dotación económica, a VIII BIAU desenvolverá un concurso de proxectos para estudantes de arquitectura e un certame de vídeos aberto a todos os cidadáns interesados en mostrar o seu particular mirado sobre as súas cidades, os seus barrios ou os espazos urbanos que habitan, ben mostrando ou denunciando aquilo que lles preocupa ou achegando ideas para mellorar o seu ámbito.

VIII Bienal Iberoamericana de Arquitectura y Urbanismo

Convocatoria BIAU VIII