Colexio oficial de arquitectos de Galicia - Delegación Lugo

COAGLUGO

30/11/2011 | Convocatorias

LABORATORIO iCOR: ABERTO PRAZO DE INSCRICIÓN PARA PRAZAS VACANTES

O Laboratorio formativo práctico que con motivo do proxecto iCOR, se celebrará ao longo dos meses de decembro a febreiro, dispón de prazas vacantes remuneradas que poderán ser ocupadas por arquitectos colexiados con menos de 10 anos de titulación.

Por iso invítase a todos aqueles interesados a que presenten a súa solicitude á maior brevidade tanto fisicamente na delegación como a traves da conta de correo: secretario.lugo@colexiodearquitectos.org.

Laboratorio Ensanche da Ramella

O seu fin será a formación de 10 arquitectos, coa carreira terminada nos últimos 5 anos, na elaboración de plans de cor. Coordinados por 4 arquitectos con experiencia na intervención no patrimonio e na xestión de equipos de arquitectos.

Elaborarase un traballo final, que será o establecemento dun código cromático e a súa aplicación, para a posta en valor da arquitectura prerracionalista e racionalista no Ensanche da Ramella no Casco Histórico de Lugo.

O ámbito de traballo se corresponde co que poderiamos chamar o ensanche interior do s.XX de Lugo (ver plano adxunto) proxectado por  Luis Vázquez (1878), Cobreros (1892) e Juan de Mendoza (1903). Dende o punto de vista arquitectónico é bastante homoxéneo e, por ultimo, é unha parte da cidade que merece ser recuperada e reavaliada (hoxe en día un tanto “escura” -rúa Quiroga Ballesteros no seu tramo entre a praza de abastos e a rúa Bolaño Rivadeneira-) e un pouco afastada ou esquecida (tramo oeste da rúa Amor Meilán).

Por todo parécenos que este ámbito ofrece importantes posibilidades para a potenciación ambiental dunha parte do casco histórico que merece ser vista dende a perspectiva do ensanche da cidade de  primeira metade do s.XX.

Arquitecta coordinadora xeral: Dna. Ángeles Castro Dapena.

Duración: dous meses, 6 horas diarias, 240 horas en total. Desenvolverase do  12 de decembro de 2011 ao 17 de febreiro de 2012 (ambos inclusive) cun descanso do 24 de decembro de 2011 ao 8 de xameiro de 2012 (ambos inclusive).