Colexio oficial de arquitectos de Galicia - Delegación Lugo

COAGLUGO

16/12/2011 | Noticias

ASAMBLEA GENERAL ORDINARIA COAG_APROBACIÓN PRESUPUESTOS 2012

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia celebrou o xoves 15  de decembro unha Asemblea Xeral Ordinaria na súa Sede en Santiago de Compostela tendo como tema principal a aprobación dos presupostos do ano 2012.

Os presupostos aprobados representan unha importante redución sobre os realizados no ano 2011. Preténdese con estes presupostos continuar na liña iniciada nos últimos anos de contención do gasto e redución da masa salarial con optimización dos recursos e patrimonio colexial para afrontar a importante diminución da actividade edificatoria en Galicia e a súa repercusión pertinente. Preténdese ademais manter os servizos actuais e mesmo implementalos e para iso recorreráse a distintas medidas ademais das propias do control dos gastos colexiais. Dentro destas liñas está a concepción da unidade patrimonial colexial, centralizando na Sede colexial todos os servizos posibles e reducindo de modo importante a tradicional capacidade de autonomía na dirección e organización das delegacións colexiais.

Outras liñas aprobadas na Asemblea para afrontar a actual situación é o establecemento de novas formas de colexiación. Proponse unha colexiación por tramos mediante distintas tarifas en función dos servizos desexados polos colexiados. Prodúcese un pequeno incremento da unidade de complexidade de visado que serve de base para o cálculo dos custos de visado dos traballos. Está en análise a redución da estrutura colexial, como consecuencia da centralización dos servizos colexiais. As actividades a realizar polo Colexio e as Delegacións deberán, na medida do posible procurar o seu autofinanciación.

Por outro lado foi presentada oficialmente o Foro web aberto para analizar, consultar e elaborar os novos Estatutos colexiais. A previsión do actual Decano é que os novos Estatutos se aproben ao inicio do verán. Tras a devandita aprobación producirase a disolución dos actuais órganos de goberno colexial e procederase á convocatoria de eleccións para os órganos de goberno que os novos estatutos establezan. Estas eleccións celebraranse a xuízo do Decano do Colexio de Arquitectos no mes de setembro do 2012. A Delegación de Lugo, ten prevista para o mes de xaneiro a celebración dunha Asemblea informativa sobre a elaboración dos novos estatutos e a Refundación colexial. Considérase importante someter a reflexión e debate interno cales son as características do Colexio de Arquitectos para o futuro próximo.

Por último fíxose pública tamén a dimisión da Secretaria do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia por motivos persoais, así como a vontade da Xunta de Goberno colexial de ocupar este posto de modo provisional por un dos vogais. A criterio do Decano e Xunta de Goberno non parece oportuno abrir un proceso electoral para este posto co calendario previsto para os novos Estatutos.