Colexio oficial de arquitectos de Galicia - Delegación Lugo

COAGLUGO

22/12/2011 | Noticias

A XUNTA DIRECTIVA DA DELEGACIÓN DE LUGO FELICITA ESTE NADAL

Estimados compañeiros,

Recordámosvos que os próximos venres 23 e 30 de decembro o COAG permanecerá pechado tanto nas súas oficinas centrais coma nas Delegacións por razón das festas do Nadal.

Aproveitamos esta oportunidade para desexarvos unhas felices festas de Nadal, para que evitar o tópico, pero o do próspero Ano Novo, de momento, parécenos que queda na unidade patrimonial amortizante, e pena que non só sexa un mal chiste.

É momento de parar as ITEs, de comprobar se vos tocou "algo" na Pedrea, de comer turrón, cantar vilancicos, pensar en bos propósitos... en fin, relaxarse un pouco, e sobre todo, recargar as pilas.


Este foi para todos un ano difícil por diferentes motivos. Para nós os tres, dende que alá polo mes de abril decidimos presentarnos ás eleccións colexiais moitas cousas pasaron... ou atropeláronnos.

Os tempos e o propio Colexio modificaron as nosas actividades cotiás e a nosa propia vida. Non é a nosa intención enumerar o que puidemos facer nestes meses pero si reiterarvos o noso compromiso de traballo e que continuará a nosa actividade en diferentes liñas para a nosa delegación e o noso colexio, na medida das nosas posibilidades.

Con ese fin, seguimos esperando as vosas opinións, suxestións, e as vosas críticas, se as hai, que as haberá.

Cando asumimos nosas novas responsabilidades consideramos necesario e obrigatorio manter aberta unha liña de comunicación sincera e clara con todos vos.

Por iso, agora pedímosvos unha maior participación aínda; o que está en xogo nos próximos meses é que Colexio queremos para o noso futuro, que esperamos del, do que nos queda del.

Este Colexio noso cambiou moito en pouco tempo, e aínda seguirá facéndoo.

Parece evidente que o noso Colexio debe adaptarse aos novos tempos e mesmo reinventarse, pero ante iso os case tres mil colexiados galegos debemos adoptar unha posición clara. Opinemos ou asumamos o que outros decidan. Nós os tres entendemos que todos debemos participar, pola contra queda a única opción da queixa e simple crítica gratuíta.

Entendemos que na conxuntura actual é necesario un maior debate e participación de TODOS os colexiados.

É por elo que vos invitamos a participar no Foro de debate para a revisión dos Estatutos colexiais. O enlace para acceder a el é:
refundacionestatutaria.coag.es/inicio

Tamén vos anticipamos que organizaremos encontros para presentar o devandito Foro, informar das liñas que van tomando forza, debater en directo e escoitar as vosas suxestións. Entendemos que o futuro do noso colexio non debe deixarse a outros, senón que somos todos nós os que debemos construílo, ou polo menos iso é o que queremos pensar.

O que desexamos transmitirvos é que desexamos estar ao voso lado, para que a nosa visión como delegación vaia máis alá dunha pouco frutuosa oposición frontal.

Espérannos tempos complexos pero tamén entusiasmantes para os cales queiran ver o excepcional destas circunstancias.


Felices festas.

Raúl, Celia e José Luis,

Xunta Directiva COAG Lugo