Colexio oficial de arquitectos de Galicia - Delegación Lugo

COAGLUGO

23/01/2012 | Noticias

DELEGACIÓN DE FERROL DO COAG. DEMOLICIÓN DA FÁBRICA DE LÁPICES

Xoán Carmona Badía, explica con claridade este caso. Catedrático de Historia e Institucións Económicas da USC e vocal do Comité Internacional para a Conservación do Patrimonio Industrial (TICCIH-España).

Salvar a Fábrica de Lápices, Avanzar cara a Ferrol Patrimonio da Humanidade.

"Perante da  mirada non sei se distraída ou resignada das institucións responsables da conservación do noso patrimonio, comezaron xa as obras de demolición da Fábrica de Lápices de Ferrol, probablemente o elemento máis representativo do patrimonio industrial de carácter civil da cidade. Sorprende, cando menos, porque como xa ten reflectido a prensa durante estas últimas semanas e como teñen manifestado o Colexio de Arquitectos, a Asociación de Veciños do Ferrol Vello e moi diversas persoas e colectivos, vaise derrubar un edificio que reúne unha presada de valores estéticos e históricos de primeira magnitude, apreciados non só polos ferroláns senón por todos os que como visitantes, como turistas ou como estudosos da historia e do patrimonio industrial tivemos a ocasión de coñecelo. O patrimonio industrial –que é o conxunto de edificios, maquinaria, tradicións de traballo e demais elementos que configuran os vestixios das actividades de tal caste– é unha parte do patrimonio cultural que nos países avanzados goza da mesma protección que outros elementos deste último.

O patrimonio industrial ten un lugar, o mesmo que as obras de arte ou as construcións destinadas ao culto relixioso, nas actividades da Unesco e nos convenios que con esta institución ten asinado España. O Consello de Europa emitiu no seu intre dúas Recomendacións sobre o tema: a 872 (ano 1979) relativa á arqueoloxía industrial, e unha posterior,  a nº R (90) 20 relativa á protección e á conservación do patrimonio técnico, industrial e de obras de arte en Europa. A alcumada Carta de Nizhni Tagil do ano 2003 que calquera pode ver en http://www.mnactec.cat/ticcih/industrial_heritage.htm  representa unha posición que consensúa a valoración que nun amplísimo número de países recibe hoxendía o patrimonio industrial. Unha das mostras da importancia que as institucións internacionais outorgan ao patrimonio industrial é o feito da súa inclusión nas listas de bens culturais Patrimonio da Humanidade. O primeiro elemento do patrimonio industrial que recibiu esta distinción foi  a mina de sal polonesa de Wieliczka, que a obtivo no 1978 e desde aquela ven recibindo miles de visitantes anuais chegando a acadar no ano 2011 nada menos que un millón dezanove mil. Posteriormente outros diversos elementos do patrimonio industrial de diversos lugares acadaron tamén o distintivo, de xeito que na actualidade hai xa corenta.

A importancia da etiqueta Patrimonio da Humanidade non é descoñecida no Ferrol, pois é precisamente unha das arelas da cidade a de conseguila, e a tal obxectivo teñense dedicado non poucos esforzos. O conxunto do Arsenal e das fortificacións da ría posúen unha dimensión, unha singularidade e unha autenticidade que merecen sen ningunha dúbida a devandita distinción, e todos agardamos que mais cedo que tarde a academos. Pero, ¿de que tipo de patrimonio falamos cando falamos desta cuestión? Pois dunhas instalacións industriais extraordinarias e duns elementos igualmente valiosos de protección militar. En definitiva, dun complexo no que a cerna é o patrimonio industrial: un arsenal militar que chegou ser nalgún intre o mais importante de Europa.

Non só por coherencia  senón tamén por estratexia á hora de acadar un obxectivo no que a competencia é dura, o entorno histórico do noso futuro Patrimonio da Humanidade ten que ser igualmente coidado. De xeito coherente con este obxectivo –non sei se premeditada ou casualmente– pero coherente en todo caso, foi incoada e aprobada recentemente a declaración do Casco Vello de O Ferrol como Ben de Interese Cultural. O que sí que non resulta, xa que logo, coherente e que agora se derrube o máis importante elemento do patrimonio industrial contido dentro do Casco Vello para construír un edificio que vai romper a estética e superar en altura ao que ven substituír.  E que ademais se vai colocar xusto a carón do Baluarte de San Xoán, que está incluído na solicitude de declaración de Ferrol Patrimonio da Humanidade.

A Fábrica de Lápices ten en primeiro lugar un enorme valor histórico. Porque representa a matriz de todo un conxunto de industrias civís que se desenvolveron na cidade entre os anos 1940 e 1980; representa o pulo empresarial dunha cidade que trataba de romper co prexuízo de non ser quén de ter empresas propias distintas das públicas; e representa as tradicións de traballo dun espazo fabril no que chegaron a convivir case catrocentos operarios. Pero a singularidade e o interese da  Fábrica de Lápices soborda claramente o local, pois foi a única desta especialidade en toda a historia de Galicia, unha das poucas que existiron nunca en territorio español, e un caso de extremo interese de importación de tecnoloxía na España pechada de aqueles anos.

A Fábrica de Lápices ten en segundo lugar un importante valor arquitectónico e estético. Non só pola súa elegancia, singularidade e vontade de estilo, rara nas fachadas dos establecementos industriais galegos, senón tamén pola súa probable autoría.  Aínda que non está completamente demostrado que o seu proxecto fora obra de Rodolfo Ucha, a combinación na súa fachada de elementos art-decó e propiamente racionalistas así coma unha mán de testimuñas persoais inducen a pensar que foi o grande arquitecto ferrolán o autor do traballo.

E a Fábrica de Lápices ten un enorme valor como elemento do propio Casco Vello ferrolán. Na arquitectura e na memoria popular. E ten, ademais, o valor do contraste, é a outra fábrica histórica que queda no Ferrol. Unha fábrica con un triple valor, situada a poucos metros do futuro Patrimonio da Humanidade. Unha boa actuación na antiga Hispania sería unha boa carta de presentación sobre a capacidade da cidade de mirar polo seu patrimonio industrial. O fundamentalismo é un dos principais enemigos dunha política urbana practicable e sensata. Quizás non sexa preciso conservar toda a finca da Fábrica de Lápices. Mesmo semella que unha parte está nunha situación de difícil reversibilidade. Pero non é este o caso da fachada principal e do edificio de oficinas, que en realidade representan unha parte pequena do total. Nin tampouco da cheminea. Existen instancias que poden forzar a paralización cautelar do derrubamento e existen instancias que poden negociar a conservación das partes “máis nobles” da Fábrica de Lápices con destino a dotacións culturais ou doutro tipo, sen que se vulnere a normativa urbanística en vigor nin os dereitos adquiridos pola propiedade. Pero compre que actúen con urxencia. ¿Pensa alguén que derrubar un importante elemento do noso patrimonio industrial é unha boa forma de gañar posicións para conseguir que outros elementos do mesmo acaden a consideración de Patrimonio da Humanidade?"

Diario de Ferrol_El derribo de la Fábrica de Lapices comienza por su emblemática chimenea

Diario de Ferrol_El Concello vigila el derribo de la Fábrica de Lápices para evitar infraccione

Diario de Ferrol_El comité de conservación del patrimonio industrial busca la forma de salvar Hispania

La Voz de Galicia_La Fábrica de Lápices será solo un solar dentro de dos meses

La Voz de Galicia_La estructura de la Fábrica de Lápices caerá la semana próxima

La Voz de Galicia_Carlos Agulló: La ciudad sin perfil

El Mundo_Las máquinas ganan la batalla a la historia de la Fábrica de Lápices de Ferrol