Colexio oficial de arquitectos de Galicia - Delegación Lugo

COAGLUGO

31/01/2012 | Noticias

LUIS FERNÁNDEZ GALIANO INGRESA NA REAL ACADEMIA DE BELAS ARTES DE SAN FERNANDO

O pasado 22 de xaneiro de 2012, o arquitecto, D. Luis Fernández-Galiano, foi nomeado Académico de Número da Real Academia de Belas Artes de San Fernando.

No seguinte enlace encontraredes o interesante discurso íntegro lido por Luis Fernández-Galiano na cerimonia, 'Arquitectura e vida: a arte en mutación´, así como a contestación en nome da Corporación de D. Rafael Moneo.

"A arquitectura é música conxelada". Esta impoñente sentenza de Schopenhauer foi unha das imaxes que utilizou o arquitecto Luis Fernández-Galiano no seu discurso de ingreso na Real Academia de Belas Artes de San Fernando. Un discurso no que destapou un bote moi nutrido de metáforas e de filosofía contemporánea. A cidade orgánica, os sentidos, as forzas centrípetas e centrífugas, o Plistoceno e o espazo, o mutable, Heidegger, o lugar, o territorio, a entropía, eran nocións que ían aparecendo no Salón de Actos da institución.

O mesmo Fernández-Galiano comezou o seu discurso coa súa opinión persoal sobre a situación actual da arquitectura, un diagnóstico "preocupante pero animoso, que ogallá nos mova a reconciliar a arquitectura coa vida no marco dunhas artes en mutación".

A mutación, a filosofía da vida, o artificio e o orgánico fóronse trabando nesa visión cósmica e integral da nova arquitectura que foi describindo, facendo uso de potentes figuras literarias, o arquitecto e crítico.

"Máis da metade da humanidade vive xa en cidades", dixo o académico. O seu discurso, nesa busca de integración nunha nova entidade, a cidade do século XXI, abordou varios camiños neste intento de redefinición do espazo urbano. "A disgregación física e social do mundo contemporáneo, que fracturou os tecidos urbanos e vínculos comunitarios, xerou a cultura ensimesmada do individualismo narcisista, substituíndo unha mesta trama de referencias políticas, intelectuais e artísticas polo fulgor fugaz do espectáculo,".

A transformación das topografías de costas e terras, a idea de límite, aplicado á cidade, como unha entidade en expansión pero sen unha total definición, así como as infraestruturas e tecnoloxías do mundo dixital, sucedíanse, nun discurso denso. "A arte atmosférica, coa súa delicada atención ao control climático, ao táctil e ao térmico, entra en resonancia na arquitectura cunha extensa tradición crítica que explorou a fisioloxía dos edificios con preferencia ás habituais consideracións anatómicas. Unha tradición na que o aire ou a auga teñen tanta importancia como a pedra, o vidro ou o aceiro", sinalou no que foi unha clara defensa dunha arquitectura preocupada pola ecoloxía e os recursos naturais.

"A renuncia ao superfluo na arquitectura e na vida pode ser unha fonte de beleza e de pracer", dixo, referíndose á fascinación por «as arquitecturas anónimas, fillas da necesidade» nun momento de crise económica. Na amentada contestación académica, o arquitecto Rafael Moneo glosou a figura do novo académico e destacou que o seu interese vai dirigidio, en especial, a "manter no posible o equilibrio ecolóxico". "O saber humanista", dixo, "prevalece fronte a consideracións estritamente visuais". Antonio Bonet, director da Real Academia entregou a continuación a medalla e o diploma da institución, e o Ministro de Educación, Cultura e Deporte gabou, finalemente, o diálogo constante entre cultura e sociedade na súa obra.