Colexio oficial de arquitectos de Galicia - Delegación Lugo

COAGLUGO

02/02/2012 | Noticias

ENCONTRO DO COAG CO PRESIDENTE DO CSCAE, JORDI LUDEVID

Tras anunciar que é a primeira vez que nos visita e sinalar que a pesar deste momento complicado a contribución do COAG ao proxecto de reforma estatal é importante, polo que o peso do COAG no CSCAE é importante. Recorda que en todo o que se acometa deberá explicarse un, convencendo da súa utilidade, e isto faise en tres ou catro ideas moi sinxelas, non en discursos ideolóxicos.

En resumo os temas tratados foron os seguintes:

ASEGURADORAS

Empeza dicindo que entende que a estratexia coas aseguradoras deberá de ser única e de todos, sen negociacións separadas. ASEMAS é un dos grandes problemas da nosa profesión; é unha empresa que creamos nós, monopolista, pero que agora non controlamos. É necesario "protocolizar" a relación con todas as asociacións "paracolexiais"; con La Caja de Arquitectos ou con HNA conseguiuse, pero non así con ASEMAS. Avanzaremos cos nosos novos estatutos e coa xestión política, pero dende a unión. ASEMAS non quere relacionarse co CSCAE, non lle convén a unión e quérenos dividir e hai que explicarlles que a profesión é máis que unha mutua aseguradora, e que a CSCAE hai que respectalo.

A nosa Responsabilidade Civil é un tema crítico e é a máis cara de Europa; e o CSCAE quere que se active a responsabilidade trienal, que o abarataría, pero para iso esixe primeiro que a prima por obra sexa única e segundo que se elimine do escenario ás OCT, que o noso control xa estaría no Manual de Calidade que normalizaría e homologaría a redacción do proxecto e minimizaría os seus riscos, ademais de simplificar outros convenios necesarios como a tramitación telemática de licenzas.

O Consello é quen deberá dirixir a relación con ASEMAS, é o único interlocutor válido. E acabarán asumíndoo. Sóbense os prezos das primas e comunícase cunha lóxica allea e oculta aos colexios. ASEMAS di que o Consello non apoia a trienal e minte, o que queremos son esas condicións. Hai compañeiros que están a sufrir moito os que lles disparan as primas; pero tamén hai un 10% de compañeiros que coas súas actuacións son os que disparan o custo destas, que lle custaron a ASEMAS máis de 3.000.000 de euros e aínda protestan. Pero ASEMAS terá que entender que 53.000 arquitectos deste país están por enriba da mutua.

Encargouse a un ex-conselleiro un informe sobre o mercado dos SRC, pero as compañías enganan. E seguramente a conclusión dese informe é que non hai alternativa real a ASEMAS.

ESTATUTOS

O calendario do CSCAE para este tema é para o 2012; prepara recomendacións aos colexios non prescritivas, sobre só tres ou catro temas.

Galicia pola súa composición é un colexio dos chamados "complexos". O CSCAE non considera o principio de proporcionalidade, polo que o voto de Melilla, con 35 arquitectos, vale igual que o de Madrid con 15.000. É o "consello dos colexios", pero hai que ir máis alá.

Colexios pequenos reciben servizos, que non poden acometer, por subsidiariedade, pero o resultado é que ás veces a "maioría de colexios" bloquea a "maioría de colexiados".

O CSCAE sofre de certa asincronía cos decanos, pois éstes teñen pouco tempo para dedicar ou duran pouco tempo, polo que igual non ha de estar composto por decanos. E o Consello ten que ofrecer estes servizos por subsidiariedade, porque se non hai colexios que quebran. A escala de menores custos é de subsidiariedade cara a arriba. Ante a protesta das delegacións de que isto supoña unha excesiva centraliade, sinálase que o futuro non vai por reducir a representatividade de identidades (O presidente do CSCAE recorda que é catalán e de Manresa e que entende esta sensibilidade, e engade que os arquitectos de berán de estar representados en delegacións como por exemplo a de Lugo. Recorda que no fondo Cataluña non é máis que a área urbana de Barcelona, pero que se debe cumprir coa "dobre maioría", a propia e da rexión). Ademais o sistema territorial é moi importante para fixar cotas.

Ás Xuntas de Goberno non se vai discutir, se non a gobernar, a acordar; hai que vir xa discutido. No CSCAE ou se chega a acordos razoables para todos ou ímonos ao precipicio, e este é o desacordo e eliminarannos.

COMPETENCIAS

Nos acordos europeos iniciais non soubemos defender suficientemente as nosas competencias, que en Europa inclúen as de ser Enxeñeiros Civís. Polo noso programa de competencias académicas os arquitectos españois somos enxeñeiros, cousa, que os portugueses non son. Álvaro Siza non traballa sen un enxeñeiro ao lado. Arquitectura en España son 450 créditos, bastantes máis que en Europa e somos 53.000. Estes créditos supón unha superposición do 90% con dúas carreiras europeas, faltan só algunhas cousas (hidráulica, por exemplo). Así que o espazo español dos arquitectos é o que en Europa ocupan dúas carreiras: arquitecto e enxeñeiro. Isto negóciase con varios países. E en EUA saben que os arquitectos españois saben facer detalles construtivos, e que outros non.

EXERCICIO PROFESIONAL

Outra tarefa é defender os honorarios e a súa regulación. Estase a estudar a súa implantación en Europa, en Alemaña sabemos que hai tarifas obrigatorias, mediante o impulso a un banco de datos estatístico de honorarios en Europa.

Pero tamén que hai que actuar no sentido da ética entre compañeiros, mesmo contra os propios compañeiros e outros empregadores que non respectan a legalidade laboral, por exemplo cos falsos autónomos.

A CRISE E AS ESTRATEXIAS

España non sairá da crise sen edificación. O CSCAE arrisca moito ao futuro, explicar a utilidade e a lexitimidade social do arquitecto é a nosa nova misión.

A metodoloxía do traballo baséase nunha tripla crise retroalimentada: económica, profesional e institucional ou legal.

1. Crise económica.

Estamos na maior recesión da nosa profesión, nun escenario a 15 anos. Temos os honorarios máis baixos de Europa, baixas temerarias, o índice de paro na nosa profesión é o dobre do nacional, a metade dos estudos pechados.

1.1. Apoiarase a normalización do financiamento; pero isto non vai adiante.
1.2. Impulso xeneralizado á rehabilitación ("Rehabilitación+iva"); rexenerar o patrimonio edificado, a cidade, os barrios, as mazás.
1.3. Impulso ás certificacións e auditorias enerxéticas. Impulsar o Certificado do Selo de Calidade. Han de ser gratis para o usuario, financiaranse pola amortización do aforro no consumo. E ha de facerse ben, dende a arquitectura, non cambiando caldeiras. Deberá de incluír a habitabilidade, a seguridade de uso, a accesibilidade; ademais da certificación enerxética.

Noutros ámbitos isto supón:

Falar da "arquitectura transformacional", habemos de ser un sector xerador de habitabilidade, habemos de estar no novo contrato social: o financiamento da rexeneración do edificio pode ser promovido polo arquitecto. En Alemaña o arquitecto é contratista; o arquitecto pode ser contratista-promotor.

Polo tanto hanse de promover a habilidades xenerais do arquitecto, non só no sector construción (moda, deseño industrial e gráfico, empresa...). Promover un slogan tipo "Poña un arquitecto na súa empresa".

Promover a internacionalización de servizos de arquitectura co estado.

Modificación normativa que permita que os honorarios do arquitecto estean vinculados á obra como crédito refraccionario.

En resumo trabállase en 6 frontes: a rehabilitación masiva; o selo de calidade da edificación; a axilización de licenzas; a internacionalización; a regulación dos concursos; a responsabilidade trienal, e a LSP.

2. Crise profesional.

2.1. Especialización (profesionalización deficiente)
2.2. Mellorar unha base empresarial deficiente.
2.3. Aumentar a protección do traballo por conta allea.
2.4. Decadencia do sistema de concursos. Facer traballar os arquitectos sen pagar é anticonstitucional.

Paralelamente estúdase un proxecto de acreditación das escolas de arquitectura, das que parece haber demasiadas; acreditación de curriculums; impulsar un novo Código Deontolóxico e un Novo Foro da Arquitectura española.

3. Crise institucional e legal.

A avalancha de nova normativa no sector, o escenario de Bolonia, a oferta de masters cubrindo territorios-fronteira. Todo se suma a novas ameazas como o conflito con ASEMAS, os procesos ou protocolos de acreditación de oficinas de control...

Ás empresas como Bureau Veritas hai que dicirlles que non son competentes nin titulares do control da calidade do Proxecto. Nós somos os seus titulares e definimos esa calidade, mediante procedementos do Manual de Calidade relativos ao seguro trienal.

Un risco é a redución da nosa marxe facultativa, por iso temos que defender que a LOE non se ha de modificar e que as profesións reguladas (a arquitectura en toda Europa o é) han de ser colexiadas.

Finalmente recordou que como marco de todo isto se solicitará ao Estado unha Lei da Arquitectura que defina os seus valores culturais e sociais.