Colexio oficial de arquitectos de Galicia - Delegación Lugo

COAGLUGO

19/02/2012 | Revista de prensa

EL PROGRESO. O TESOURO ESCONDIDO DA "MONTAÑA MÁXICA"

Municipio fronteirizo con Asturias e León e a unha hora escasa en coche de Lugo, Navia de Suarna é un dos tesouros escondidos da serra dos Ancares -«a montaña máxica de Galicia», segundo Manuel Rivas-. Un lugar que garda alicientes para os amantes da historia e da natureza, e tamén da gastronomía, na que a androlla, embutido que celebra a súa exaltación este domingo, é a raíña.

Comezamos o percorrido na recollida capital do municipio, A Proba de Navia, que emerxe como unha aparición entre Os Ancares. Nela destaca a espléndida Praza de Chao da Torre, formada polo castelo de Altamira e a Ponte Vella que cruza o río.

A data de construción do castelo é incerta, aínda que se teñen evidencias da súa existencia no ano 1037. Destruído pola revolta irmandiña en 1467, foi reedificado a posteriori polos condes de Altamira. Ao longo da historia, a súa pertenza foi pasando de man en man, sendo moitas as modificacións sofridas. De trazo poligonal, conserva parte das súas murallas e torreóns primitivos, con dúas portas a diferentes niveis.

Por riba do río álzase a fermosa ponte, que a tradición considera de orixe romana, aínda que é probablemente altomedieval. Feita en pizarra cun único arco apuntado e pavimento de lousa, a súa calzada abombada trataba de evitar na medida do posible as enchentes do río.

Sen alonxarnos demasiado da Pobra, a pouco máis dun kilómetro, paga a pena deterse na aldea de Barcia. A igrexa de San Miguel conserva unha ábsida románica que data do século XIII.

En Rao, a 22 kilómetros da Proba, temos outra mostra de arquitectura relixiosa na igrexa de Santa María, de nave rectangular e que conta cun presbiterio con bóveda redonda sobre catro arcos, que garda no interior un retablo maior do século XVIII e un lateral renacentista.

No tocante á arquitectura popular, unha das mostras máis características da zona -que atopamos no porto de Pan do Zarco, polo que pasa este ano a Volta a España- son os cortiños, que mostran o peso da apicultura na economía da zona. Trátanse de recintos murais levantados na montaña para protexer as colmeas do ataque dos animais salvaxes, especialmente dos osos.

Caza, pesca e recolleita

E se a riqueza arquitectónica é importante, a posibilidade de disfrutar da natureza e os seus froitos é outro dos valores de Navia de Suarna, Reserva da Biosfera. Coa presenza do Navia e os seus afluentes, como o Ser ou o Rao, a pesca atraeu tradicionalmente a moitos afeccionados, e a súa práctica segue a captar un tipo de turismo de importancia dentro do global do municipio.

O precioso Couto de Penamil, duns seis quilómetros e ó que se chega un pouco antes de alcanzar a capital, ou o de Navia, chaman a gozar dos praceres do sedal (e da troita). A temporada comeza o 18 de marzo, e remata o 31 de xullo.

A caza é outra das ofertas, sobre todo a maior. Os veciños apuntan que abundan os xabaríns e que a perdiz se está recuperando. Para quenes prefiran comer a cazar, a carne de batida soe acompañarse cunha exquisita guarnición de castañas, elemento fundamental na gastronomía da zona.

Os montes naviegos, que quizais botan de menos a desaparecida pita do monte -xa unha lenda da zona-, ofrecen unha boa oportunidade para os amantes dos cogomelos, pois poden atopar unha boa cantidade de boletus e níscalos.

EL PROGRESO_17/02/2012