Colexio oficial de arquitectos de Galicia - Delegación Lugo

COAGLUGO

20/02/2012 | Revista de prensa

EL PAIS. AS GRETAS DA ARQUITECTURA. JOSÉ LUIS ESTÉVEZ

José Luis Estévez. El Pais (19/02/2012).

A emigración, alternativa para un sector asolado pola crise.

Os días nos que a arquitectura se vía como unha profesión de prestixio e con proxección laboral quedan atrás. As consecuencias da crise cebáronse cun colectivo que sofre, por un lado, a caída da obra pública e, ademais, a falta de financiamento que afecta aos particulares. Os efectos da falta de encargos fanse patentes nos grandes estudos e nos profesionais independentes. Os primeiros víronse abocados ao peche ou ao recorte drástico dos seus equipos. Os segundos ven reducidos os seus ingresos. Moitos mantéñense na actividade á espera de que escampe, aínda que hai xa meses que se converteron en mileuristas.

Non hai cifras oficiais porque abunda o traballo por conta propia, pero dende o Colexio de Arquitectos en Vigo indícase que a porcentaxe de paro pode estar nun 40%, máis do dobre da taxa global de desemprego en Galicia. Ante esta situación, que non ten visos de mellorar, moitos optaron pola emigración cara a países que están a crecer e que se aproveitan da boa formación dos arquitectos que chegan de España. Practicamente calquera profesional co que se fale en Galicia ten varios amigos repartidos polo mundo.

Alguén que leva máis de 40 anos na profesión, o arquitecto compostelán Pedro de Llano, confesa que nunca vivira unha situación igual. Ata hai uns meses traballaba no seu estudo con outro arquitecto, pero a falta de actividade obrigouno a quedar só. "Non" vivo "da miña actividade como arquitecto, porque apenas teño algún ingreso, senón do meu traballo como profesor na Escola de Arquitectura. É unha situación terrible para o sector e non se ve unha saída no medio prazo, porque a administración xa a anunciou que non vai investir en obra pública nos próximos dous anos. O outro gran problema é o financiamento, os bancos pecharon o crédito", explica De Llano.

A situación tamén é complicada nos grandes estudos. Consultora Galega, unha empresa con sede en Pontevedra, máis de 30 anos de traxectoria e que se dedica á elaboración de plans urbanísticos, reduciu o seu equipo de 26 a 16 traballadores. Maribel González, unha das socias do estudo, explica que unha das causas desta situación é os atrasos nos pagamentos por parte dos seus principais clientes, os concellos. "Temos facturas pendentes dende hai máis dun ano", indica González, quen considera que unha das medidas que deberían tomar a Xunta e o Goberno central é facilitar que os concellos poidan pagar os seus provedores. "Cos créditos do ICO non abonda, porque moitos tiveron que usalos para pagar a factura da luz", engade. Confía en "aguantar".

A busca de solucións para o sector non parece sinxela. O presidente da delegación do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) en Vigo, Martín de Cominges, apunta que a situación é de "parálise brutal" e moitos arquitectos, novos e tamén veteranos, se están a ver obrigados a elixir a vía da emigración ou a buscar alternativas laborais. "É unha barbaridade que esteamos a formar bos arquitectos aquí e teñan que irse fóra para encontrar un traballo", sinala De Cominges, quen considera que a apertura do crédito sería unha das posibilidades de salvación para que os estudos que traballan para particulares volvan recibir encargos. "Hai persoas que queren rehabilitar a súa casa ou construír unha nova, pero como non hai crédito poden facelo, engade.

EL PAIS_19/02/2012