Colexio oficial de arquitectos de Galicia - Delegación Lugo

COAGLUGO

26/03/2012 | Revista de prensa

EL PROGRESO. "EDIFICIOS PRA MIRAR E ADMIRAR"

El Progreso mostra a nosa Arquitectura máis próxima cun acercamento ó traballo dun grupo de arquitectos de Lugo.


 

SARRIA TENDEU UNHA PONTE ENTRE A MAGDALENA E O SEU CEMITERIO

O estudo Dopi Arquitectos, integrado por José Doncel Cerviño e Roberto López Piñeiro, é o responsable do proxecto de ampliación do cemiterio municipal de Sarria, un servizo peculiar por situarse nunha contorna cun forte contido histórico: en pleno Camiño de Santiago e coa notable presenza do mosteiro da Magdalena (século XIII).

Doncel explica que se pretendeu converter o lugar nun espazo público con carácter de estar e permanecer, de descanso e observación, de goce de elementos construídos e de elementos naturais». Así, o acceso, a fronte, o edificio de servizos e o peche do recinto funerario resólvense dun modo neutro, a modo de muro de pedra. A integración espacial lógrase mediante a disposición da cuberta pétrea que, partindo do nivel da rúa, permite pasear sobre ela a modo de miradoiro desde o que apreciar outra perspectiva da fachada sur do mosteiro. O edificio formará parte da futura praza de San Roque.

José Doncel Cerviño

Estudo: Dopi Arquitectos.

Obra pública destacada: Residencia do Cádavo, xulgados de Sarria, xeriátrico de Láncara e peonalización da Rúa San Marcos de Lugo.


 

O 'ESCENARIO' QUE CONECTA UNHA ESCOLA DE ARTE COA CIDADE

Santiago Catalán é o artífice da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, en Vigo, un edificio aberto á cidade e conectado a ela a través dun gran espazo a modo de escenario exterior. A edificación resólvese cun volume prismático e tratamento uniforme dos panos de fachada con panel de aluminio.

Santiago Catalán

Obra pública destacada: Urbanización da Praza Maior, Museo de San Roque e Intercentros.

Premios: Primeiros premios por ampliación do Pazo Castrelos (Vigo) e Espazo Público en Fingoi (Lugo).


 

FUNCIONALIDADE E INTEGRACIÓN CUNHAS DIMENSIÓNS REDUCIDAS

O estudo KM Arquitectos, integrado polos profesionais Carmen Viño e Miguel Ángel López, coa colaboración de Juan José Viño, é o responsable do proxecto desta vivenda de pequenas dimensións, baseada na funcionalidade e a integración, coa utilización de liñas claras e volumes sinxelos para a totalidade do edificio.

Con pouco máis de 80 metros cadrados de superficie nunha planta, a casa aséntase sobre a parcela en busca da orientación solar máis adecuada. Carmen Viño apunta unha estructuración «en base a dous volumes que conforman unha T, diferenciados pola compoñente vertical, a súa altura». O máis representativo alberga o salón, que se estende cara á parcela a modo de soportal, adaptándose como garaxe na zona de acceso. Por outra banda, o volume máis baixo acolle a zona de noite e a cociña.

Carmen Viño Vila

Estudo: KM Arquitectos.

Premios: Primeiro premio en concursos de piscinas e parques de bombeiros da Deputación da Coruña. Galardóns nos X e XII Premios COAG.


 

UN XIMNASIO 'SUSPENDIDO' NO AIRE PARA DELIMITAR ZONAS

O arquitecto lucense Antonio Taboada López deu forma á obra deste espectacular ximnasio no IES Sofía Casanova de Ferrol. Situado nun dos laterais do complexo do instituto e colocado sobre unha plataforma elevada respecto da cidade, o conxunto péchase cara ao interior como parte do patio e cara ao exterior, como un das frontes do centro. O panel de cerramento usa formigón, fibra de vidro, madeira, aceiro e vidro. Este último forma o basamento, creando a sensación de fachadas suspendidas.

Antonio Taboada

Premios: XII Premio COAG de Arquitectura polo Centro de Interpretación da Ribeira Sacra e rehabilitación de muíño, en Sober. Premio Agader ao embelecemento do medio rural galego, entre outros.


 

EFICIENCIA ENERXÉTICA PARA UNHA VIVENDA QUE É LUGAR DE TRABALLO

O arquitecto Emilio Rodríguez Blanco firma o proxecto desta casa unifamiliar situada nas proximidades de Lugo que combina vivenda e espazo de traballo. A edificación ocupa o volume dunha antiga casa de labranza, da que se conservou o muro perimetral de mampostería exterior, que mantén a identidade e a imaxe tradicional. A cuberta é de lousa, un material que tamén aparece como pavimento exterior.

Cara ao interior do predio desenvólvese, con todo, unha arquitectura baseada na eficiencia enerxética. Rodríguez, que colabora co estudo lucense Fob Arquitectura, explica respecto diso que «sobre unha casca de formigón que actúa de acumulador de enerxía desprégase unha fachada trasventilada de madeira de alerce tratada ao aceite». Os ocos minimízanse para evitar perdas de enerxía, excepto na orientación sur, onde adquiren a súa máxima dimensión a modo de captador solar. A produción de enerxía para a auga quente sanitaria e a calefacción de chan radiante resolveuse mediante bomba de calor e geotermia.

Emilio Rodríguez

Premios destacados: Primeiros premios polo complexo termal O Bañiño (Punxín) e proxecto de 25 vivendas de protección nun poboado xitano en Maside. Premio Juana de Veiga de Arquitectura.


EL PROGRESO (24.03.2012)_ "Edificios para Mirar e Admirar"