Colexio oficial de arquitectos de Galicia - Delegación Lugo

COAGLUGO

07/04/2012 | Noticias

REGRAS DE USO DE LOCAIS DA DELEGACIÓN DE LUGO

Regras de Uso de Locais da Delegación por parte de Colexiados Interesados

Antecedentes.-

A reorganización corporativa e a progresiva centralización de medios e actividades xera e xerará unha probable diminución da presenza de colexiados e actividade nas delegacións.

Fronte a esta situación a Xunta directiva de Lugo opta por xerar e favorecer actividades e oportunidades que aproveiten as potencialidades e a representatividade da sede da nosa Delegación.

Actividades como a desenvolvida nos últimos meses polo Laboratorio iCOR ou colaboracións como a actual coa Universidade da Coruña no traballo de investigación sobre o Románico de Lugo, producen unha estimulante presenza viva, activa e continuada de arquitectos colexiados no noso edificio.

Nesa liña desenvolvemos novas actividades, nalgún caso moi próximas no tempo, que permitan demostrar o valor das delegacións como elemento de valor engadido para a nosa profesión e como presenza activa e revitalizadora da nosa actividade na sociedade que a alberga.

Por outro lado, como Xunta Directiva da Delegación de Lugo, consideramos que debemos intentar responder ás necesidades, propostas e peticións formuladas polos nosos compañeiros.

Neste sentido algúns colexiados expuxéronnos as dificultades que encontraban para dispoñer de espazos de traballo en grupo ou de reunión, polas circunstancias económicas que atravesamos, ou porque non dispoñen de espazo suficientemente amplos propios para traballar con outros compañeiros coa flexibilidade que estas circunstancias requiren.

Entendemos que o deber primordial dun Colexio de Arquitectos é axudar aos seus colexiados e facilitar a práctica emerxente da profesión. Por iso consideramos oportuno establecer unhas regras de uso que faga posible o co-desfrute dos espazos por todos nós custeados.

Proposta.-

Considerando o anteriormente exposto, os custos económicos que como arquitectos colexiados debemos soportar e os escasos ingresos que nos últimos tempos estamos a padecer, formulamos a posibilidade de utilización das nosas instalacións para aqueles colexiados en Lugo que requiran do seu uso xa sexa de modo puntual ou habitual, a cambio dunha contraprestación en tempo de dedicación dirixido ao colectivo e á mellora do funcionamento da Delegación.

A xeito de Banco de Tempo, o uso das instalacións da Delegación quedará aberto ás peticións de todos os colexiados que nese sentido presenten a súa solicitude a esta Xunta Directiva tal como a continuación se define.

Procedemento.-

A solicitude presentarase no rexistro da delegación á atención da Xunta Directiva precisando se se require unha ocupación puntual ou habitual (5 días á semana). Esta solicitude deberá indicar tamén se o uso será periódico ou excepcional, días soltos ou agrupados. Todo iso co fin de establecer un calendario de utilización que asegure a dispoñibilidade para o máximo número de colexiados interesados.

Por razóns evidentes de coordinación, será a Xunta Directiva a que autorice as peticións, en función da dispoñibilidade e outras peticións ou necesidades previstas.

Poderase autorizar os solicitantes o uso da planta baixa, ou do Salón de Actos en horario de 9 a 14 horas de luns a venres. Ademais de autorizarase o uso de mobiliario, disporase de proxectores e outros elementos seguindo as pautas de préstamos habituais. No caso de requirir o uso frecuente ou continuado dalgún deses elementos deberán ser reflectidos na solicitude.

Non se incluirá a reprografía ou o uso de telefonía externa, pero si da rede wifi para conexións a internet.

Contraprestación.-

A xeito de contraprestación pola dispoñibilidade do espazo e os medios establécese un intercambio de servizos.

Aqueles colexiados que usen as instalacións da Delegación compensarán ao colectivo con "horas de servizo". O uso da Delegación é a aceptación tácita destas condicións.

Para evitar malentendidos, consideramos oportuno establecer unha equivalencia entre tempo de ocupación e tempo de dedicación: ¾ de hora de dedicación por día de ocupación. Consideraranse días de ocupación completos, ocupásese o espazo 1 minuto ou as 5 h que permiten a ocupación continua.

As actividades estarán sempre encadradas e organizadas por persoal da delegación ou por algún dos representantes da Xunta Directiva.

As actividades proxectadas responderán a necesidades reais da delegación e serán concretadas segundo o número de participantes e do banco de tempo do que dispoñeremos.

A continuación anticipamos o carácter das actividades posibles para cubrir o tempo de dedicación.

- Biblioteca da Delegación,

- Eventos colexiais ou tarefas relacionadas cos devanditos eventos,

- Comisións de Cultura ou de Plan e Medio,

- Xestión de arquivos,

- Xestión de publicacións en depósito

En todo caso as tarefas serán previamente comentadas co colexiado e adecuaranse ás súas posibilidades.

A solicitude farase por correo electrónico a secretario.lugo@colexiodearquitectos.org.