Colexio oficial de arquitectos de Galicia - Delegación Lugo

COAGLUGO

16/05/2012 | Noticias

UNHA ARQUITECTA LUCENSE GAÑA O CONCURSO DOSA EN SARDEÑA

Arquitecta lucense gaña o concurso internacional DOSA, en Sardeña


 

O estudo Tapia+Figueiras Arquitectos gañou o concurso internacional DOSA para a construción dun museo no futuro parque arqueolóxico "Fluviale dei Sarcapos" en Villaputzu, Sardeña. Marco Antonio Tapia e Carmen Figueiras (arquitecta lucense) obtiveron a mellor puntuación do xurado calificador, entre os 56 proxectos presentados.

O municipio de Villaputzu, de Sardeña, leva a cabo unha ampla operación de recualificación paisaxística para ordenar o espazo entre unha zona habitada de Villaputzu e a desembocadura do seu rio, o Flumendosa, co obxectivo de transformalo nun parque arqueolóxico de interese turístico e recreativo. Trátase dunhas terras de regadío, denominadas Piana de Prusciumini, nas que se localizan dous depósitos de auga situados no outeiro de Santa María, que afectan directamente á paisaxe. Outro elemento a ter en conta é o depósito arqueolóxico identificado como Sarcapos, un asentamento de carácter comercial e porto fluvial das épocas sardo-nurágica, fenicia, púnica e, máis adiante, romana.

En homenaxe ao seu rio, o concello de Villaputzu convocou un concurso de ideas denominado DOSA de ámbito internacional, para a realización dun espazo para usos museísticos e didácticos, que complementará o futuro parque arqueolóxico naturalístico e servirá de soporte ás escavacións.

Un proxecto arriscado e orixinal.

Tapia+Figueiras Arquitectos presentaron unha proposta situando o edificio afastado das escavacións actuais, oculto tras o outeiro no que se sitúan os dous depósitos de auga, chamado Cuccuro dei Santa María, e facéndoo aparecer coma se xurdise da terra. O futuro Museo constrúese sobre a ladeira do outeiro e as cubertas vexetais enténdense como liñas naturais do terreo. A súa situación, próxima á explanada que actuará como aparcadoiro e como zona de entrada ao parque e ao museo, convérteo en nexo entre o barrio de Santa María e Villaputzu. O proxecto arríscase tamén ao eliminar os antigos tanques de auga para recuperar a imaxe natural da área de intervención.

Un edificio semienterrado.

O proxecto consiste nun edificio semienterrado, que articula os seus usos en torno a un grande espazo que será o acceso ao edificio. O público descende dende a zona do aparcadoiro e despacho por un camiño natural preexistente ata unha plataforma ao aire libre que serve como patio de recepción. O vestíbulo é un lugar permeable, dende o que o público pode volver saír para aproximarse ao parque arqueolóxico rodeando o Cuccuru dei Santa María. Dende este espazo aprécianse vistas cara ao rio Flumendosa, Muravera e as Montañas do Sarrabus. A partir do vestíbulo organízanse os espazos máis públicos do edificio: A zona de control, o espazo multifuncional, a tenda, a cafetaría e o acceso á zona de exposicións. Nos extremos do edificio sitúanse por un lado a zona de arqueólogos onde se almacenan e se tratan os restos arqueolóxicos e no outro, a zona de oficinas.

Un estudo de arquitectura con outros premios internacionais.

O estudo Tapia+Figueiras Arquitectos, formado polos mozos Marco Tapia e Carmen Figueiras, creouse no ano 2010. Neste tempo participou en diversos concursos, na maioría dos cales foi distinguido con galardóns: accésit no Centro Sociocultural de Xesús en Santa Eulària deas Riu, de Eivissa (2011); Mención Honorífica no concurso internacional para a ampliación do Museo Serlachius Gösta de Mänttä (Finlandia) (2011); Mención Honorífica na Hospedaxe de Turismo de Fregenal de la Sierra en (2010); finalista no Centro do Neandertal de Piloña (2010), e finalista no concurso da remodelación e ampliación do Museo de Escultura de Leganés (2011).


"DOSA" Museo nel futuro parco archeologico- fluviale di Sarcapos. Villaputzu

Tapia+Figueiras Arquitectos

Comentarios

Ainda non existen comentarios para esta nova. Crea o primeiro completando o seguinte formulario.

* Todos os comentarios serán moderados antes da súa publicación.

Enviouse o comentario correctamente. Todos os comentarios son moderados antes de ser publicados. Grazas.

Enviar un novo comentario