Colexio oficial de arquitectos de Galicia - Delegación Lugo

COAGLUGO

09/06/2012 | Revista de prensa

LA VOZ DE GALICIA. ENTREVISTA A FELIPE PEÑA.

«Nos 70 tiráronse edificios que agora estarían protexidos»
Os seus alumnos presentaron centos de ideas para mellorar Carballo


A casualidade trouxo ao arquitecto Felipe Peña Pereda (Madrid, 1944) a Galicia hai case trinta anos e agora quixo relacionalo con Carballo. Non tanto polo seu traballo a nivel privado como pola súa faceta de docente, xa que tamén é profesor titular de en Proxectos Arquitectónicos a Universidade da Coruña. O martes deu a coñecer na capital de Bergantiños un avance das propostas dos estudantes de arquitectura de terceiro curso para diversos espazos urbanos e rurais, e pronto presentará o curso de verán que a escola de arquitectura impartirá en xullo no Fórum.

-Ultimamente estreitáronse as relacións entre a escola de arquitectura e o Concello de Carballo. ¿Como vai o noivado?

-Este ano, por unha banda, tivemos o Máster de Arquitectura e Paisaxe, que no primeiro trimestre fixo un traballo sobre a contorna do Anllóns, e agora son os alumnos de terceiro curso de Proxectos e Urbanismo os que estiveron traballando durante case todo o ano en catro proxectos para emprazamentos en Carballo. Presentámolos esta semana, e logo faremos unha publicación.

-Son tantos proxectos que sería imposible materializalos todos, ¿pero que achegan?

-É verdade que son traballos académicos, pero hai moitas ideas e, sobre todo, hai unha reflexión moi intensa sobre diversas zonas de Carballo, que é un municipio moi variado.

-A imaxe urbanística que tiña Carballo a principios do século pasado cambiou radicalmente co bum dos anos setenta. ¿Como valora o resultado desa evolución?

-Carballo é unha desorde edificatorio enorme. Houbo varios plans, os primeiros en época de moito desenvolvemento e moita construción, polo que daban moitas alturas, e doutra banda, foise construíndo de xeito descontinuo, un solar e catro máis aló outro. Agora a desorde é total, e nunha situación de crise como na que estamos é difícil pensar que se vaian homoxeneizar as alturas ou que se vaia regularizar e compactar. Por iso nós presentámosllo aos alumnos como algo convulso, conflitivo, onde as desigualdades e a desorde están xa establecidos, e posiblemente non teñen unha solución. O que si hai son posibilidades de intervención illadas para crear pequenos ámbitos, xardíns, prazas, que o fagan habitable.

-¿É posible que a crise actual ofreza a posibilidade de repensar o que se quere facer?

-Si. Non cabe dúbida. Precisamente de todo isto xurdiunos a idea do curso de verán Estratexias urbanas para tempos que crise, para o que estamos preparando os contidos, e que dirixe o meu compañeiro Cristóbal Crespo. Estamos bastante ilusionados, porque, precisamente, é o xeito de reflexionar sobre como a crise ten o seu lado malo, porque se constrúe pouco, hai paro... Pero esa lentitude vainos permitir pensar e facer as cousas con máis tranquilidade e, sen dúbida, mellor no futuro.

 -¿Os arquitectos están moi tocados pola crise?

-Sen dúbida. Os arquitectos agora atópanse con que hai edificios construídos para catro ou cinco anos. A demanda de vivenda xa está cuberta, e vaise a construír pouco, polo menos a curto prazo. Pero neste tempo retardouse completamente o ritmo de construción e o ritmo de concesión de licenzas dos concellos, e o que nos gustaría no curso é que xurdisen ideas para traballar en tempos de crises, en que lugares, de que xeito...

 -¿Que alternativas hai, e xa non só para os profesionais, senón para os mozos que se están formando para ser arquitectos?

-Esa é a cuestión talvez máis delicada de todas. Así como noutras titulacións diminuíron as matrículas, na escola de arquitectura seguen ao mesmo ritmo, e iso estanos empezando a preocupar. Porque se o motor principal, que é a construción de novas edificacións, está case parado, é importante pensar noutras posibilidades. É certo tamén que a profesión de arquitecto é bastante versátil, bastante flexible, e explicamos aos nosos alumnos que, por exemplo, poden dedicarse ao cálculo de estruturas, á fabricación de elementos prefabricados en talleres, ao interiorismo, no que hai moitísimo traballo porque os locais se están renovando continuamente... Aínda que talvez o campo maior é a rehabilitación, porque o patrimonio arquitectónico envellece continuamente, hai que renovar edificios, instalacións, ascensores...

 -Leva vostede case trinta anos en Galicia. ¿Como cambiou desde entón?

-Moito, pero fíxache que a maior fonte de desorde é nos anos sesenta e setenta, nos que saen eses edificios de oito plantas xunto a outros de catro, e todo iso procede daquela época.

 -En Carballo foi aínda peor, porque se botaron abaixo edificios emblemáticos.

-Carballo tiña un casco de certa coherencia, pero nos setenta esa tensión edificatoria, que non respectaba nada, provocou que se tirasen edificios que seguramente agora estarían protexidos. Naquela época non se respectaba nada.

 -¿Proxectos como os que elaboraron os seus alumnos poden axudar a cambiar esa imaxe?

-Os nosos proxectos son, sobre todo, imaxes, e evidencian que as cousas poderían ser doutro xeito. Para coidar a cidade non fan falta grandes investimentos, senón coidar as oportunidades que aparecen nos intersticios da cidade. Agora defendemos que a cidade se vaia facendo máis con temas de xestión que de investimento.

LA VOZ DE GALICIA (03.06.2012. ENTREVISTA A FELIPE PEÑA.

Comentarios

Ainda non existen comentarios para esta nova. Crea o primeiro completando o seguinte formulario.

* Todos os comentarios serán moderados antes da súa publicación.

Enviouse o comentario correctamente. Todos os comentarios son moderados antes de ser publicados. Grazas.

Enviar un novo comentario