Colexio oficial de arquitectos de Galicia - Delegación Lugo

COAGLUGO

09/06/2012 | Revista de prensa

LA VOZ DE GALICIA. ENTREVISTA A JOSÉ PARDO.

«Cada vez máis xente elixe fotos de autor para decorar a súa casa»

«Fotodecó», con imaxes artísticas de gran tamaño, inaugúrase esta tarde na sede lucense do colexio de arquitectos


José Pardo (Ferrol, 1969), fotógrafo de La Voz de Galicia desde 1993, inaugura esta tarde ás 19.00 horas a exposición Fotodecó, que estará aberta na sede lucense do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (Rúa Puro Cora, 1) ata o 10 de xullo. A mostra abre de luns a venres de 10.00 a 15.00 horas. Lugo é a súa primeira parada, pero está previsto que se expoña noutros sitios de Galicia. Pardo compaxina o seu traballo en prensa coa participación en exposicións individuais e colectivas, ademais de publicar libros fotográficos como Jofre, A Magdalena ou As Meninas de Canido.

-¿Que poderá ver o público nesta exposición?

-Trátase dunha recompilación de oito imaxes que fixen por Galicia nos últimos anos. Pero non teñen nada que ver coa fotografía de prensa, senón que reflicten as miñas inquietudes en canto a fotografía abstracta, matemática, artística e conceptual. Son imaxes planas, sen profundidade, que captan un detalle, sen elementos humanos.

-¿Por que elixiu ese título?

-Fai referencia a que son imaxes moi válidas para decorar, de gran tamaño e relaxantes. Teño ganas de que a vexa moita xente e espero que teña éxito, tanto nas críticas como nas vendas. De feito, cada vez máis xente elixe fotos de autor para decorar a súa casa. A fotografía está a ir a máis, valórase máis e ten prezos máis razoables. Creo que o mundo dixital facilitou tamén esta situación, e é moi positivo, porque cada vez hai máis ganas de facer e de ver fotografías.

-¿Ten algún outro proxecto en mente?

-Por agora, centrarme no meu traballo diario en La Voz de Galicia. Pero me gustaría ampliar esta exposición Fotodecó. O bo que ten é que ao ser fotos individuais, poden desaparecer algunhas e incluírse outras novas. Non é un traballo pechado, está aberto e pode ser de longa duración.

LA VOZ DE GALICIA (09.06.2012). ENTREVISTA A JOSÉ PARDO

LA VOZ DE GALICIA (09.06.2012). INAUGURACIÓN

Comentarios

Ainda non existen comentarios para esta nova. Crea o primeiro completando o seguinte formulario.

* Todos os comentarios serán moderados antes da súa publicación.

Enviouse o comentario correctamente. Todos os comentarios son moderados antes de ser publicados. Grazas.

Enviar un novo comentario