Colexio oficial de arquitectos de Galicia - Delegación Lugo

COAGLUGO

30/09/2012 | Noticias

DÍA MUNDIAL DA ARQUITECTURA 2012. DELEGACIÓN DE LUGO COAG

Este ano, a delegación en Lugo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, adicará o vindeiro 1 de outubro, o Día Mundial da Arquitectura, de modo xeral á arquitectura do Movimento Moderno, e de xeito concreto a poñer en valor a obra e o traballo do arquitecto Eloy Maquieira Fernández (1901-1944).

A obra do Movimento Moderno transformou os nosos espacios, pobos e cidades, recollendose isto no espíritu do lema do Día Mundial da Arquitectura 2012 adoptado pola Unión Internacional de Arquitectos: «O arquitecto: axente transformador da cidade» (Architects are city changers).

A figura de Eloy Maquieira recolle, ó igual que outros arquitectos desa época en Lugo, no seu traballo este profundo respecto pola cidade e a súa historia, pero co fin de transformala e mellorala.

Por todo elo a Delegación desenvolverá unha serie de actos e actividades ó longo da primeira semana de outubro.

Entre outros está previsto para o día 1 de outubro, as 13:00 horas, a colocación dunha placa na Casa de Roca (Praza Maior 6-7, Lugo) de recoñecemento a nivel nacional do Consello Superior de Colexios de Arquitectos de España por estar esta obra incluída no rexistro da Fundación do.co,mo.mo. ibérico. Este acto en Lugo repetirase por todo o territorio estatal mediante a colocación de placas de xeito similar nun total de 64 edificios.

O deseño da placa é froito dun concurso convocado pola Fundación do.co,mo.mo no que participaron arquitectos e deseñadores do ámbito ibérico. A placa gañadora está deseñada por Joan Falgueras, Manel Gràvalos, Jordi Pigem e Jaume Santaló.

Outra das actividades posta en marcha xa pola delegación de Lugo do COAG consiste en, colgar diariamente entradas na súa web con cada un dos edificios recollidos no Rexistro do Movemento Moderno no ámbito da Delegación. Deste xeito preténdese informar do seu interese, ó tempo que poñer en valor a arquitectura, a boa arquitectura e os seus autores, os arquitectos.

Dentro dos actos, motivados polo lema deste ano do Día Mundial da Arquitectura 2012, está previsto celebrar durante o outono unha Exposición na Delegación sobre a arquitectura desta época en Lugo así como unha Conferencia sobre a figura de Eloy Maquieira e o seu tempo.

O mesmo tempo está prevista unha rolda de prensa na semana que ven, para informar ós colexiados, os medios e a cidadanía de Lugo de dous acordos adoptados polo Concello en colaboración coa Delegación de Lugo do COAG, co fin de recuperar e recoñecer a figura de Eloy Maquieira Fernández, o seu traballo e o valor do mesmo para esta cidade.

Comentarios

Ainda non existen comentarios para esta nova. Crea o primeiro completando o seguinte formulario.

* Todos os comentarios serán moderados antes da súa publicación.

Enviouse o comentario correctamente. Todos os comentarios son moderados antes de ser publicados. Grazas.

Enviar un novo comentario