Colexio oficial de arquitectos de Galicia - Delegación Lugo

COAGLUGO

09/12/2012 | Exposicións

EXPOSICIÓN ARQUIVO HISTÓRICO LUGO: "Urbanismo en Lugo, 1917 – 1970"

Entre os días 10 de decembro de 2012 e 10 de marzo de 2013, estará aberta ao público neste Arquivo Histórico Provincial unha exposición titulada “Urbanismo en Lugo, 1917 – 1970”, que recolle a evolución da cidade, desde 1917 ata que, en1969, se aproba o primeiro plan de ordenación urbana que tentará reconducir o anárquico desenvolvemento de Lugo.


A exposición Urbanismo en Lugo, 1917-1970 pecha un ciclo expositivo sobre a evolución da cidade, posto en marcha polo Arquivo Histórico Provincial de Lugo coa mostra Casas e rúas de Lugo, 1850 – 1920. A Conformación da cidade actual. Esta nova iniciativa percorre o proceso urbanístico de Lugo desde 1917 ata que, en 1969, se aproba o primeiro plan de ordenación urbana.

A exposición apóiase nos documentos custodiados polo Arquivo Histórico Provincial de Lugo e nace coa vontade de contribuír ao mellor coñecemento da cidade. Sobre a mostra, Anxo Lorenzo destacou que, en boa medida, esta reflicte a interconexión do arquivo co seu medio social, xa que amosa a evolución do espazo físico no que os cidadáns e as cidadás de Lugo desenvolven a súa actividade, utilizando documentos textuais, cartográficos e fotográficos.

A mostra estrutúrase en catro seccións: as rúas, as dotacións, as vivendas e a actividade económica. A primeira fai referencia á urbanización, á reforma e ao crecemento urbano, planificado ou non. A segunda abrangue os servizos que vai adquirindo a cidade. Na terceira abórdase o crecemento e a ocupación do solo con novas construcións. Por último, a cuarta sección amosa a puxanza económica dunha cidade en expansión a través das actividades produtivas.

Horario de atención ao público é de 8:30 a 20:30 horas, de luns a venres

Comentarios

Ainda non existen comentarios para esta nova. Crea o primeiro completando o seguinte formulario.

* Todos os comentarios serán moderados antes da súa publicación.

Enviouse o comentario correctamente. Todos os comentarios son moderados antes de ser publicados. Grazas.

Enviar un novo comentario