Colexio oficial de arquitectos de Galicia - Delegación Lugo

COAGLUGO

23/10/2009 | Noticias

Proxecto rehabilitación do Carcere do Partido de Lugo. Creus e Carrasco

Imaxes e planos do proxecto gañador do concurso de la Carcere do Partido de Lugo,

dos arqutitectos Juan Creus e Covadonga Carrasco.

Rehabilitación do Cárcere do Partido de Lugo
Concurso: Primer Premio / Outubro 2009

PROXECTO

INTENCIÓN

Aproveitar a idea da apertura ó público dun cárcere, espazo celular e disciplinar, subvertendo os principios de vixilancia e custodia en principios de busca, mostra e apreixo de valores culturais e sociais.

Propor unha compartimentación aberta, traballando cada un dos espazos de xeito flexible con graos de apertura e de intervención relacionados cos usos. Observación, diálogo e interacción como novas premisas e calidades para uns espazos que, neste edificio, no seu contraste coas orixinais de control e seguridade, adquiren unha forza comunicadora e expresiva únicas. A interpretación do edificio baixo esta óptica permite intervir no Edificio do Antigo Cárcere case sen tocalo, aproveitándoo integramente, mesmo recuperando parte do seu estado orixinario, concibido agora como itinerario de relación, experimentación, información e intercambio, entre espazos polivalentes dedicados á arte e a cultura con moitas posibilidades de percorrido, parada, atallo e visión cruzada. Esta é a identidade do conxunto que o sitúa como un equipamento singular no contexto da Unión Europea e que está implícita na súa recuperación como imaxe de referencia dun entorno urbano que debe ser máis claro e libre: observatorio da cidade.

Mudar este criterio de aceptación e posta en valor do espazo celular no caso do Antigo Edificio de Servizos do cárcere (módulo posterior) e no Edificio Xudicial (hoxe sé da Policía Local e módulo de acceso), onde as sucesivas transformacións sufridas no seu interior levan a unha intervención máis fonda e estructural que permite, no primeiro caso, mantendo o seu volume, distribuílo dunha maneira unitaria para uso do servizo de  arqueoloxía, e no segundo, mantendo as súas fachadas, convertelo no espazo principal de acollida, situando nel os usos máis públicos de documentación e información, auditorio e, na súa cuberta, coa visión da muralla e a cidade, o espazo de interpretación da gastronomía.

Utilizar o gran valor que ten o baleiro como espazo de descanso e memoria, tanto dos eixes visuais e de percorrido que atravesan o edificio, como dos patios e recinto perimetral, concibindo o seu conxunto como unha rede-infraestructura construída cunha mesma textura que multiplica as posibilidades de acceso, permite diferentes sectorizacións que poden chegar a englobar usos distintos, e ó mesmo tempo, dotar de independencia, non só a cada un dos edificios, senón tamén aos espazos de uso colectivo principais como son o auditorio, biblioteca, terraza-restaurante, sala de usos múltiples, salas de seminarios ou sala de cine; todos eles, de algún xeito, con proxección exterior e vínculos, ó través dela coa cidade.

Finalmente, propor unha ordenación conxunta desta parte da cidade, marcando a preferencia peatonal do ámbito mediante a concepción da rúa Ángel López como boulevard/paseo arborado, a proposta de unificación de pavimento pétreo no espazo entorno ao cárcere e á estación de autobuses e o tratamento con terra compactada na praza na busca dunha actuación ciudada de limpeza de elementos, interpretando a imaxe histórica do espazo de relación entre o cárcere e a porta da muralla (Obispo Izquierdo), devolvendo protagonismo ás árbores como definidoras espaciais, tanto no entorno na rúa Soto Freire como na proposta de continuidade do boulevard.

 

 

 

CREUSeCARRASCOarquitectos

JUAN JOSÉ CREUS ANDRADE                arquitecto

COVADONGA CARRASCO LÓPEZ          arquitecto

 

Belén Salgado Segovia                           arquitecto

Bárbara Ribeiro Mesquita           arquitecto

Laura Coladas Bilbao                              arquitecto

Félix Suárez Riestra                                aparejador