Colexio oficial de arquitectos de Galicia - Delegación Lugo

COAGLUGO

27/06/2013 | Noticias

Carta Aberta aos colexiados de Lugo

Por solicitude do noso presidente de Xunta Directiva, e con ocasión da celebración da próxima Xunta de Goberno 18/13 o día 28 de xuño na nosa delegación, achégase unha Carta Aberta aos colexiados na que se quere significar a oportunidade da devandita Xunta nestes momentos na nosa sede territorial


Carta aberta aos colexiados de Lugo.

 

O próximo 28 de xuño dos correntes a Xunta de Goberno do COAG celebrará a súa sesión 18/13 na nosa sede de Lugo. Este feito non inusual, pois en anteriores ciclos xa se produciu, ten agora un valor significativamente especial que hai que apreciar no acordo que lle deu lugar.

 

Ante a non tan afastada tendencia, resistida e vencida, de centralizar toda a capacidade decisoria e executiva nas instalacións, medios e recursos humanos da sede da Conga (non casualmente otrora residencia do poder eclesiástico), a vontade expresa no seu momento de todos os colexiados é recollida polo novo goberno colexial, e tras convulsos días, na dirección de recuperar para as sedes provinciais a liberdade de resolución e albedrío que un día creou, para mellor comprenderse pero non se subordinar, as oficinas da quintana santiaguesa.

 

Quérese así remarcar a reunión na nosa sede dos representantes territoriais para entender o noso goberno dun modo realmente colexiado e non dirixido. Recordemos aquí que colexio e colega teñen a mesma raíz.

 

Por iso, e obrigados pola nosa delicada situación financeira, fíxose razoable dirixir a necesaria redución de masas salariais que soporta a organización (eufemismo do vulgo despedimentos), cara ao aparato central herdado doutras formulacións agora insostibles e pouco realistas. Algo que non se fixo sen dor nin coidada, pero que necesitou da decisión deste goberno colexial e o traballo dedicado dos nosos compañeiros de Junta.

 

Estas medidas de urxente viabilidade que están a tomar, que inclúen o adelgazamento coidadoso das estruturas sen perder as capacidades, van paralelas a dotar de novo ás varias sedes territoriais de suficiencia non só xestora das súas peculiaridades e circunstancias se non tamén da administración de recursos e aproveitamento dos seus patrimonios, que os leve a poder autofinanciar as súas iniciativas máis alá dos servizos e gastos ordinarios.

 

E é dentro disto último que a nosa sede, tradicionalmente ben administrada e saneada, cun lugar ben gañado na vida e sociedade da nosa cidade, debe de volver recuperar a vocación de interpretación e influencía na biografía da nosa cidade que sempre lle distinguiu, coa achega impagable da iniciativa persoal de todos nós.

 

O noso propio e xeneroso edificio, pola optimización e economía que permiten os novos métodos ofimáticos, e nunhas circunstancias universais de solta de lastres e aparatos propios doutras abundancias, nos presta a ocasión, en que a súa xunta directiva xa se dispón, de rendibilizar os seus espazos dando entrada a outras entidades que, en ideal circunstancia, poidan ademais iniciar e completar nunha desexable simbiose os nosos servizos á cidadanía.

 

E, como nunca debemos abandonar, a última iniciativa da nosa comisión de Cultura de brindar a todos os colexiados galegos a oportunidade dun encontro patronal co evento social iVelorrio, inicia esta vontade de identidade propia que seguro non defraudará. E isto, persoalmente e en nome dos nosos compañeiros de directiva, obrígame a expresar o maior agradecemento e recoñecemento a todos os compañeiros de Lugo e provincia que apoiaron con enerxía e decisión exemplar, mesmo ante outras sorprendentes indolencias, a vontade de non deixar caer nosa delegación no nebuloso fantasma que deron en chamar centro de traballo. Pois todos sabiamos que somos algo máis.

 

E se se me permite máis persoalmente, non debo esquecer tampouco agradecer a gran dedicación e entrega do noso anterior secretario, agora nos servizos centrais con maior peso e entusiasmo; nin esquecer a enérxica fineza da nosa tesoureira ante a colosal e sangrante avalancha dos números que nos alimentan; nin tampouco deixar de recordar a abnegada dedicación e precisa experiencia dos nosos traballadores, verdadeira memoria viva do colexio en Lugo. Para o noso novo secretario solicítovos o mesmo apoio e comprensión que xa soubestes demostrar na procelosa tarefa de soster a nosa fermosa institución.

 

 

 

Raúl J. Veiga Lamelas.

Colexiado nº 1808 e presidente da Xunta Directiva en Lugo do COAG.

En Lugo, a 25 de xuño de 2013.

 



 

Comentarios

Ainda non existen comentarios para esta nova. Crea o primeiro completando o seguinte formulario.

* Todos os comentarios serán moderados antes da súa publicación.

Enviouse o comentario correctamente. Todos os comentarios son moderados antes de ser publicados. Grazas.

Enviar un novo comentario