Colexio oficial de arquitectos de Galicia - Delegación Lugo

COAGLUGO

13/11/2009 | Exposicións

As Portas de Rinlo de Fernando Paez

Inagurouse onte a exposición fotográfica e presentación do catálogo   As Portas de Rinlo de Fernando Paez.

A exposición permanecerá aberta  Refectorio do Museo Provincial de Lugo  ata o próximo domingo 29 de novembro, en horario de 10,30 ás 14,00 e dás 16,30 ás 20,30 pola semana e das 11,00 ás 14,00 os domingos.

 Unha selección de 12 imaxes do fotógrafo Fernando Páez, impresas a un tamaño de 1x1 m. e pegadas sobre soporte de aluminio, estarán expostas no Refectorio do Museo Provincial de Lugo dende o xoves día 12. A exposición compleméntase cunha proxección audiovisual mostrando un total de 50 imaxes de Rinlo.

A inauguración terá lugar o día 12 ás 8 do serán e contará coa presenza do Delegado de Cultura Antón Veiga, a directora do Museo Provincial de Lugo Aurelia Balseiro, o fotógrafo Fernándo Páez (Ribadeo, 1953) e a comisaria e organizadora da exposición, a arquitecta Carlota Eiros. Despois da inauguración presentarase un amplo Catálogo da mostra, publicado pola Área de Cultura da Deputación de Lugo. Un libro de 112 páxinas, con 50 imaxes de Rinlo, unha introdución da comisaria da exposición e un texto da periodista Helena F. Barranco. O libro remata cun poema inédito de Carlos Oroza (Viveiro, 1935).

 

A exposición, realizada cunha bolsa da Comisión de Cultura do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, forma parte da iniciativa cidadá “A prol de Rinlo BIC” que promove, a través de diferentes actividades culturais, a difusión, defensa e conservación dos valores patrimoniais de Rinlo e a súa declaración como Ben de Interese Cultural de Galicia na categoría de Lugar Etnográfico.

Durante os primeiros meses do ano 2009, o fotógrafo explorou o mundo de Rinlo recollendo “o singular” das súas xentes e paisaxes. O arranxo dos elementos que configuran os retratos de Páez pode resultar casual para o espectador pero constitúe en realidade parte decisiva do traballo do artista. O equilibrio que o fotógrafo tenta orquestrar entre a artificiosidade dunha certa posta en escena e a naturalidade que pretende capturar dos seus personaxes benefíciase nas fotos-retratos de Páez da tensión entre a franqueza e autenticidade de quen se expón na súa cotidianidade e a barreira simbólica da porta con relación á intimidade do fogar. É por isto que a obra de Fernando Páez resulta á vez fascinante e intrigante. Confesa a exterioridade que di moito dos personaxes e do seu modo de vida, pero retén, sen desvelalo, o misterio real que espera a quen sexa capaz de adentrarse nas súas vidas.

O resultado é un excelente rexistro etnográfico e arquitectónico da atmosfera e psicoloxía do lugar. Imaxes realistas, limpas e directas que axudan ó espectador a “aprehender”, a través da exquisita sensibilidade e formación estética do fotógrafo, a forza artística e emocional dun entorno único que nos pasa desapercibido precisamente polo seu carácter humilde e familiar. O fotógrafo retrata as marcas do paso do tempo e a valiosa pátina que deixa na vida das persoas e do medio e lévanos ó barrio, á casa, ó muro, ou á vista lonxana do horizonte alargando o concepto de patrimonio cultural ó habitat doméstico.

A exposición permanecerá aberta ata o próximo domingo 29 de novembro, en horario de 10,30 ás 14,00 e dás 16,30 ás 20,30 pola semana e das 11,00 ás 14,00 os domingos. No Refectorio do Museo pecha un periplo que comezou no Forte de San Damian, onde estivo exposta os dez últimos días do mes de agosto, por iniciativa da Concellería de Cultura do Concello de Ribadeo, sobrepasando as 1500 visitas. Durante o pasado mes de outubro estivo exposta mesmo “ás portas da Catedral” de Santiago de Compostela na Casa da Conga, Sede do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

 

A filosofía que moveu o proxecto non é tanto anunciar ó mundo e ós galegos a boa nova de que Rinlo existe como de que para que siga existindo nos tempos de cambio rápido que atravesamos é preciso dedicarlle os coidados máis axeitados e oportunos. Non se necesita facer cousas a toda costa, necesítanse facer con xeito e sentido. Contra o que poida parecer, o Rinlo que aínda temos hoxe é en si un sitio fráxil e vulnerable.

A preservación do planeta obríganos a rehabilitar máis que a construír de novo, a recuperar espazos máis que a transformalos ou destruílos. Cando un pobo perde a súa arquitectura perde a identidade e desaparece a cultura, arrasada xunto co medio natural que a sostiña. Necesítanse obviamente recursos económicos pero sobre todo recursos humanos cualificados para redirixir os proxectos en marcha, persoas humildes e sensibles á beleza e ós valores do lugar que os saiban percibir, e, sobre todo, persoas que promovan o ben-estar e a solidariedade entre os veciños, base da dignidade e sobrevivencia de calquera comunidade.