Colexio oficial de arquitectos de Galicia - Delegación Lugo

COAGLUGO

21/05/2014 | Xornadas

Urban Regeneration Forum [BIA (Bilbao Bizkaia Architecture)]

PROGRAMA


 

A primeira edición de BIA Urban Regeneration Forum terá lugar en Bilbao (Bizkaia) entre os próximos 22 e 28 de setembro de 2014.

 

Tres son os ámbitos principais onde se desenvolverá o foro, dotándoos de contido co fin de xerar reflexión, debate, intercambio e experiencia en torno á rexeneración urbana na cidade consolidada, tanto no experto coma no cidadán en xeral: congreso científico internacional, Premio BIA e actividades xerais.

 

MANIFESTO


 

BIA_0 Cara a unha cidade sa/Towards living cities/Hiri bizirantz

 

O debate sobre a cidade, organismo crecentemente complexo, vén de atrás e segue aberto. No BIA_0 falamos de cidade sa e referímonos, máis alá dos parámetros salubres, aos compoñentes saudables que fan da cidade un ámbito equilibrado, unha estrutura aberta onde a igualdade é o obxectivo e a diversidade contribúe a construír a identidade colectiva.

O modelo de urbanismo herdado da era postindustrial parece esgotado. Hoxe, nun contexto de crise económica global, o urbanismo especulativo de crecemento imparable que converteu a cidade europea en negocio financeiro, demostrouse insostible a medio prazo. Como alternativa o BIA_0 presenta propostas que adecúan a súa escala aos recursos dispoñibles, que fomentan a flexibilidade e dan o máximo protagonismo ao espazo público, propostas que xorden de relacións bottom-up encamiñadas a xerar conexións que enriquecen as relacións sociais e contribúen a dinamizar o pulso vital, a creatividade e, en definitiva, a economía.

Retomamos o concepto de cidade igualitaria e analizamos de que xeito a mobilidade urbana sostible, o equilibrio entre o público e o privado contribúen á rexeneración da cidade. O BIA_0 aspira a encontrar as claves actuais de rexeneración que acheguen a ecuanimidade necesaria á planificación urbana para que, sen negar a visión a longo prazo, poñan en valor a cidade con propostas de escala axeitada e estratexias flexibles para rexenerar o tecido urbano.

A construción de cidade ten lugar de xeito superposto a moitas escalas, en escenarios difusos e de forma continua no tempo. Son moitos os estratos que contribúen ao avance da cidade, dende o plan ao deseño arquitectónico, dende proxectos de recuperación a intervencións efémeras. O BIA_0 quere poñer o foco en como a arquitectura, no seu sentido máis amplo, xera un valor engadido, económico e cultural, que contribúe ao desenvolvemento sostible e enriquece a comunidade.

É indiscutible que para mellorar as nosas cidades necesitamos un espazo de consenso entre administracións, investidores, empresas, profesionais e cidadanía. O BIA_0 querería debater en torno a como desenvolver un plan urbano sensible ás demandas reais dos seus cidadáns, como fomentar o liderado inclusivo, como levar a cabo diagnósticos críticos atinados, como incentivar a participación.

A capacidade de innovación permanente e continuo progreso caracterizaron á cidade dende a súa orixe. O bo uso dos recursos e a acertada valoración das prioridades sociais seguen sendo as claves de progreso. Preguntámonos de que xeito hoxe a innovación achegada pola tecnoloxía, cada vez máis accesible, contribúe a mellorar as nosas cidades, a preservar os recursos, a xerar novos modos de compartir o espazo público. A revolución das telecomunicacións e o avance tecnolóxico deron como resultado unha asombrosa capacidade de xeración de datos, co conseguinte reto de como xestionalos. Desa xestión, do seu innovador tratamento, extráese un abano de grandes posibilidades para un amplo espectro relacionado coa xestión e a rexeneración de cidade. Vías de eficiencia, aforro en recursos e redución da pegada ecolóxica en construción, xestión e mantemento do urbano. O BIA_0 presenta algunhas destas vías abertas de investigación e coñecemento industrial aplicado para unha indubidable mellora ambiental.

En paralelo ao progreso tecnolóxico, e ata certo punto grazas a el, a renaturalización do urbano é cada vez máis unha prioridade. Preguntámonos que peso ten o achegamento ao natural no concepto de cidade sa de futuro.

Cada cidade ten as súas propias particularidades, pero a súa condición común de concentración demográfica nunha área urbanizada, fai que, entre as cidades, as similitudes en retos e problemáticas sexan moitas. Polo tanto, o BIA_0 aposta por recoller conclusións sobre experiencias exportables, compartir coñecemento e adiantarse con solucións inspiradoras encamiñadas ao logro común de cidades máis próximas aos nosos ideais.

Bilbao, tras a reconversión industrial, iniciou nos 90 un proceso de transformación cara a cidade cultural e de servizos que se estendeu ata os nosos días. En paralelo, Bizkaia consolidou a súa rede de infraestruturas e preservou o carácter rural do territorio como garante de recursos naturais, establecendo unha relación de equilibrio clave na mellora da sostibilidade do territorio. Este binomio cidade transformada - territorio preservado ofrécese como escenario para este debate cara a unha cidade sanda.

 

máis información:

biaforum.org

Comentarios

Ainda non existen comentarios para esta nova. Crea o primeiro completando o seguinte formulario.

* Todos os comentarios serán moderados antes da súa publicación.

Enviouse o comentario correctamente. Todos os comentarios son moderados antes de ser publicados. Grazas.

Enviar un novo comentario