Colexio oficial de arquitectos de Galicia - Delegación Lugo

COAGLUGO

28/09/2015 | Convocatorias

Convocatoria Xunta Extraordinaria de Delegación de Lugo. Comisións.

Segundo os nosos vixentes estatutos, no Artigo 50º “Comisións e servizos” da sección 4ª “As Delegacións”, “as Xuntas de Delegación e as súas Xuntas Directivas para o seu ámbito respectivo, poderán crear, modificar e suprimir todas aquelas comisións e servizos permanentes e temporais que sexan precisas para o mellor desenvolvemento da actividade colexial e do servizo prestado ós colexiados, e á sociedade en xeral”. Así mesmo, “as funcións e o réxime destas comisións e servizos serán determinados polo acordo de creación das mesmas ou polo correspondente regulamento aprobado polo mesmo órgano que as creare”.

 

Para este mellor desenvolvemento da actividade colexial e do servizo prestado ós colexiados e á sociedade en xeral, veñen tradicionalmente funcionando na nosa delegación diversas comisións (cultura, planeamento, etc...) cuxo traballo se ve condicionado últimamente pola redución de recursos humanos e materiais de que todos somos conscientes, aínda que soportado pola gran forza do voluntarismo dos nosos compañeiros.

 

Nestas circunstancias esta xunta directiva propón a unificación daquelas nunha única comisión, que se propón chamar de "Arquitectura e Territorio", cos mesmos obxectivos e funcións de sempre, e para a que se ve necesario facer unha convocatoria na que se ofrezan compañeiros para constituíla e fixar obxectivos.

 

Entre estes obxectivos e actividades dun modo inmediato estarían os relativos á creación de modalidades de concurso para a promoción da difusión do noso traballo individual, ou a reactivación do xa coñecido e exitoso Acertos e Desastres, así como o apoio á posta en funcionamento da xestión dos nosos fondos editoriais e bibliotecas, depositados na nosa delegación.

 

E noutro ámbito, todo o relativo coa relación das institucións locais, con propostas como a creación dunha oficina de atención ao cidadán e formación de equipos para estudo de convenios de apoio ás oficinas municipais na modificación do Pepri e novas ordenanzas de inspección de edificios.

 

Ademais doutros que se poidan presentar, e na habitual función de dar resposta a todas aquelas iniciativas, xa sexan propias ou de oficio, xa sexan doutras institucións que nolo reclamen.

 

Por todo iso, acudindo por este medio á boa disposición de todos os nosos compañeiros para que se presenten como participantes e con propostas de actividade, convócase, para a data 15 de outubro de 2015 unha Xunta de Delegación extraordinaria en horas de 19:30 e 20:00 en primeira e segunda convocatoria, coa seguinte

 

ORDE DO DÍA:

 

1. Informe da Xunta Directiva.

 

2. Formación da comisión de delegación de Arquitectura e Territorio e definición do plan actividades.

 

3. Rogos e preguntas.

 

Comentarios

Ainda non existen comentarios para esta nova. Crea o primeiro completando o seguinte formulario.

* Todos os comentarios serán moderados antes da súa publicación.

Enviouse o comentario correctamente. Todos os comentarios son moderados antes de ser publicados. Grazas.

Enviar un novo comentario