Presentación do iCOR no Concello de Lugo

Sonia Méndez presenta o Seminario iCOR no que os arquitectos poderán traballar sobre a rehabilitación e a cor na cidade.

Crearase un laboratorio que estudará os edificios do ensanche interior que corresoponden coas rúas Montevideo, Bolaño Rivadeneira e Quiroga Ballesteros.

A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, o Presidente de Colexio Oficial de Arquitectos en Lugo (COAG Lugo), Raúl Veiga e a Directora da Comisión de Cultura de COAG Lugo, María Ángeles Castro presentaron o seminario Cor e Cidade, unha iniciativa organizada polo Colexio de Arquitectos de Lugo que conta co apoio do Concello a través do Plan Urban.

O programa ICor céntrase nun aspecto esencial da rehabilitación de edificios como é a análise do código cromático, das cores, dos edificios do centro histórico. As dúas entidades, Colexio e Concello teñen interese na mellora da imaxe da cidade, na mellora do paisaxe urbán e, en concreto, nas cores dos edificios, tan importantes na definición da identidade. Esta actividade organizada polo Colexio estará formada por un Seminario Internacional de Cor, aberto ao público, que comezará o día 14 de outubro no que participarán restauradores, historiadores, arquitectos e incluso empresas de pinturas.

Sonia Méndez destacou que “esta colaboración ten outro aspecto fundamental como é a mellora laboral dos profesionais arquitectos e arquitectas, que neste momento teñen que explorar novos campos de traballo distintos o da construción de vivendas, como é o campo da restauración e a rehabilitación.”

Para fomentar esta nova posibilidade, crearase un laboratorio de investigación do cor, no que participarán 10 arquitectos becados polo Concello (Plan Urban) durante 2 meses. Este laboratorio estudará os edificios dunha zona moi concreta do centro histórico, o ensanche interior do século XX que corresponden coas rúas Montevideo, Bolaño Rivadeneira e Quiroga Ballesteros.

A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos destacou que “son edificios de gran valor arquitectónico de estilo racionalista ou prerracionalista que merecen ser recuperados ademais de que están nunha zona que ademais conta con dous lugares que serán nos vindeiros anos polos de atracción turística como serán o Museo da Romanización e a Praza de Abastos.”

O traballo deste laboratorio consistirá en mellorar o aspecto exterior destes edificios e devolverlles o seu esplendor, traballando na definición das cores adecuadas para ese entorno, realizándose unha proposta de intervención para cada unha das fachadas e incluíndo un alzado do edificio con medicións e presuposto. Por tanto, o traballo final dos participantes será unha proposta de intervención en cada un dos edificios.

Sonia Méndez adiantou que “cos propietarios dos edificios traballarase ao longo de 2012 para que accedan as axudas existentes e poñan en valor as súas vivendas, conseguindo así que a zona mellore considerablemente.”

O Plan Urban ten actuacións no paseo interior da muralla, a nova praza de San Marcos, a Rúa Nova, o Cantiño ou o vello cárcere pero agora adentrarase nesa zona do recinto amurallado no que aínda non se intervira.

Novas do Concello

Deixa o teu comentario