Inicio Seminario Internacional Cor e Cidade. iCOR

A Delegación de Lugo do Colexio de Arquitectos inaugura o seminario internacional sobre a relación entre a Cor e a Cidade.

•    Participan restauradores, historiadores e arquitectos italianos, portugueses e de universidades españolas
•    O primeiro dos relatorios foi impartido polo profesor de Belas Artes da Universidade de Vigo, Ignacio Pérez-Jofre
•    Este seminario, que se estenderá ata o 5 de novembro, forma parte da iniciativa Cidadeidentidade. iCOR

A Delegación de Lugo do Colexio de Arquitectos de Galicia inaugurou hoxe na súa sede (rúa Puro Cora Xornalistas, 1) o Seminario Internacional Cor e Cidade, organizado en colaboración co Concello de Lugo a través do Plan Urban. Este seminario forma parte dun espazo de observación, reflexión e investigación, Cidadeidentidade. iCOR, centrado na rehabilitación de edificios do centro histórico, a través da súa análise do código cromático, é dicir, das  súas cores, para mellorar a imaxe da cidade.

O evento foi presentado polo presidente da Delegación de Lugo do Colexio de Arquitectos, Raúl Veiga; e a concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez.

Trátase dun seminario internacional de cor, aberto ao público, no que participarán restauradores, historiadores, arquitectos e mesmo empresas de pinturas. Homologado pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP), desenvolverase ao longo dos meses de outubro e novembro, todos os venres e sábados.O relatorio desta fin de semana (venres-14 e sábado-15) está dirixido polo profesor da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, Ignacio Pérez-Jofre, que centrará o seu discurso na Cor e percepción (Horario: venres de 10-14:00 e 16-20:00 horas; e sábado de 10-14:00 e de 16-20:00 horas).[Xúntase programa coa información completa dos relatorios]

Segundo Veiga, esta iniciativa pretende acoller diversas actividades que poidan aportar algún coñecemento sobre a identidade da cidade, desde un punto de vista espacial, visual, perceptivo e sentimental cos seus habitantes, tanto globalmente como desde os seus distritos e barrios.

Obradoiro da cor

Outra das fases do programa iCOR correspóndese cun taller formativo teórico-práctico sobre a aplicación práctica da cor na cidade. Desenvolverase ao longo de tres días, entre o 18 e 20 de novembro, e estará dirixido polos profesores do Laboratorio da Cor do Politécnico de Milán Mario Bisson, Cristina Boeri e Valentina Vezzani.

O obxecto deste workshop é explicar o uso correcto da cor, non só para artistas senón tamén para arquitectos, deseñadores e en xeral para proxectistas, que aínda que traballan de maneira habitual o cromatismo, a miúdo teñen un coñecemento pouco preciso dos aspectos psico-físico-perceptivos que van unidos á utilización da cor.

A finalidade do curso é transmitir teoricamente un coñecemento básico da cor e os aspectos que van unidos á súa percepción, partindo dunha proposta cromática eficaz para chegar a profundizar nos aspectos metodolóxicos e instrumentais, que van en estreita unión co proxecto da cor. Particularmente profundizarase no tema dos plans de cor e da cualificación/ recualificación da cidade, a través da valorización das súas cores e da súa imaxe cromática.

Laboratorio de investigación

Dentro deste programa, crearase un laboratorio de investigación da cor, no que participarán dez arquitectos becados polo Concello (Plan Urban) durante dous meses. Este laboratorio estudará os edificios dunha zona moi concreta do centro histórico, o ensanche interior do século XX, que corresponde coas rúas Montevideo, Bolaño Rivadeneira e Quiroga Ballesteros.

O traballo deste laboratorio consistirá en mellorar o aspecto exterior dos edificios e devolverlles o seu esplendor, traballando na definición das cores axeitadas para ese contorno, realizándose unha proposta de intervención para cada unha das fachadas e incluíndo un alzado do edificio con medicións e presuposto. Por tanto, o traballo final dos participantes será unha proposta de intervención en cada un dos edificios.

Este laboratorio formativo, práctico e experiencial, está coordinado por catro arquitectos (Manuel López, Jorge Salvador, Luisa Serrano e Raúl Veiga) e desenvolverase entre o 12 de decembro e o 17 de febreiro de 2012.

Proxecto Cidadeidentidade: iCOR

Deixa o teu comentario