Colegio oficial de arquitectos de Galicia - Delegación Lugo

COAGLUGO

09/02/2011 | Noticias

Nota de condolencia do presidente da delegación

Como imaxino que xa saberedes polos medios de comunicación, onte faleceu na Coruña o noso compañeiro Juan Luís Dalda Escudero, arquitecto-urbanista de recoñecido prestixio internacional, que fixo do seu labor profesional un exemplo de compromiso con Galicia e as súas xentes. Compromiso difundido e transmitido a través dun bo número de traballos de investigación sobre a nosa realidade territorial e urbana e de planeamento urbanístico exemplar mais tamén a través dun exercicio permanente de docencia, incardinada na realidade espacial e temporal que nos tocou gobernar, que filtraba e destilaba mediante unha análise crítica feita de xeito metódico e sistemático. Experiencia docente da que moitos gozamos durante o noso paso pola Escola de Arquitectura da Coruña e que na nosa delegación tivemos algunha vez, menos das que desexariamos, ocasión de compartir.

Os que tivemos o privilexio de coñecelo lembraremos a súa figura pola integridade persoal e pola capacidade dialéctica que demostraba acotío na defensa dun urbanismo e dunha ordenación territorial congruentes e harmónicos coa nosa realidade física, social e política.
 

Alberte González Rodríguez