Colexio oficial de arquitectos de Galicia - Delegación Lugo

COAGLUGO

04/03/2012 | Revista de prensa

IN MEMORIAM. MANUEL DE SOLÁ-MORALES

"O arquitecto Manuel de Solà-Morales Rubió (Vitoria, 1939) faleceu onte no seu domicilio de Barcelona mentres durmía a causa dun paro cardíaco. Discípulo de Luvodico Quaroni en Roma e de Josep Lluís Sert en Harvard, Solà Morales tivo unha importancia decisiva nos cambios urbanísticos da Barcelona dos Xogos Olímpicos de 1992 pola súa intervención na transformación da fronte marítima e a remodelación do Moll de la Fusta. Realizou proxectos en numerosas cidades europeas.

Solà-Morales era o arquitecto da cidade, o profesor que sabía ensinar a cidade e un grande amigo. Aínda que o coñecía persoalmente dende hai moitos anos, empecei a saber del, como arquitecto, a finais da década dos sesenta, cando presentou no Colexio de Arquitectos a conferencia do seu "mestre italiano", Ludovico Quaroni. Naquel momento, en Barcelona, falábase moito de urbanismo como dunha disciplina técnica, friamente regulada, con clara énfase na zonificación de usos, seguindo a tendencia da Carta de Atenas. Manuel, en cambio, falaba da cidade dende o seu desenvolvemento histórico e a comprensión da súa estrutura cambiante. A análise da forma urbana era, para el, imprescindible para planificar a cidade, que seguía inevitablemente unhas pautas de crecemento a partir da arquitectura e dos espazos urbanos, públicos ou privados, que xeraba.

Manuel de Solá vía prioritariamente á cidade como lugar de intercambio e de vida dos seus habitantes, onde tiñan cabida as virtudes cívicas, tanto as dos humildes coma as dos poderosos, e onde a creatividade se daba en múltiples campos e a escalas moi diversas.

Visitar unha cidade acompañando a Manuel era entrar de cheo na captación dos seus trazos institucionais e populares, físicos e paisaxísticos, científicos e literarios, na súa vida do día a día: as tendas, os concertos e a gastronomía.

Gozaba vivindo a cidade, a súa e todas as demais. Ao facelo somerxíase alegre e vitalmente nunha historia ininterrompida que el sabía explicar, dende a polis grega ata a última evolución de New York ou das emerxentes capitais do sueste asiático. Manuel, como arquitecto da cidade, era un sabio e os seus proxectos son un modelo na arte de proxectar cidades e así estivo recoñecido en todo o mundo.

Pero Solá era, ademais, o profesor da cidade: non hai actualmente en Cataluña ningún arquitecto que traballe en plan ou en proxectos urbanos que non recoñeza o seu absoluto maxisterio, exercido dende a cátedra do Laboratorio de Urbanismo da ETSAB, por el fundado, dende os libros editados pola Escola de Arquitectura ou dende a revista UR, que no seu momento se erixiu no centro de reflexión e crítica das "cousas urbanas", como a el lle agradaba dicir.

No Consello de Redacción da revista Arquitecturas Bis sempre prestamos a máxima atención aos seus razoamentos e ás súas cultas citas sobre os temas que el propoñía: presenciar a discusión co seu amigo León Krier sobre a estrutura profunda do Ensanche Cerdà foi un emocionante combate intelectual.

Máis tarde, cando o centro do debate se desprazou cara aos modernos e caóticos espazos metropolitanos, o máster dirixido por Manuel sobre a periferia urbana foi punto de referencia académica en toda Europa.

Pero, sobre todo, Manuel foi un grande amigo, amizade que compartimos en multitude de ceas: era un conversador intelixente, gustáballe falar de cine, de política, das últimas novelas, do Barça, da familia, dos concertos (nunca máis oiremos xuntos a Pires, a Uchida, a Brendel ou Pollini). Falabamos da xente nova de agora mesmo, de como entendelos ou, mellor dito, de como entender ao mundo. Sempre intentaba escoitar e poñerse no lugar do seu interlocutor, razoando ou intentando dar saída a unha opinión fundamentada. Hai poucos días escribiu un artigo sobre o discutido relevo de Josep Ramoneda del Centro de Cultura Contemporánea de Barcelona (CCCB), ao que consideraba un dos "núcleos duros" da cidade. Unha lección máis das que nos deu Manuel, sen pontificar, cando dicía: "Hai que ter coidado de non romper os pratos da vaixela boa".

Lluís Domènech, arquitecto.

EL PAIS (28.02.2012). "Manuel de Solà-Morales, el arquitecto que ayudó a abrir Barcelona al mar"


"Manuel de Solà-Morales, reputado arquitecto e urbanista, faleceu aos 73 anos de idade. Nacido en Vitoria o 8 de xaneiro de 1939, especializárase en temas de deseño urbano e era catedrático de Urbanismo da Escola de Arquitectura de Barcelona. Era fillo, neto e irmán de arquitectos, como Ignasi Solà-Morales, que faleceu en 2001 vítima dun ataque ao corazón.

A súa obra e o seu pensamento influíron no urbanismo de Barcelona, en traballos relacionados cos Xogos Olímpicos de 1992, especialmente na transformación da fronte marítima e a realización do Moll de la Fusta, unha das zonas nas que a cidade recuperou a fachada marítima. Tamén é o autor do centro comercial de Illa Diagonal, xunto con Rafael Moneo, que cada día visita miles de barceloneses.

Vinculado á Escola Tècnica Superior de Arquitectura de Barcelona, da que jerció como profestor e catedrático de urbanismo, e dende 1994 ata 1998 foi director. Estaba considerado un dos maiores teóricos do urbanismo español e non se cortaba á hora de cuestionar a arquitectura das grandes estrelas,
tal como fixo nunha entrevista neste diario en outubro de 2008.

Traballou nun gran número de cidades europeas como Berlín, Salsburgo, Nápoles, Rotterdam, Amberes, Tesalónica, Xénova e Trieste. Entre os seus últimos traballos cóntase a transformación da área portuaria de Saint-Nazair, en Francia; a praza e a estación de Lovaina, en Bélxica; o espazo público Winschoterkade de Gröningen, en Holanda, e o paseo Atlántico de Porto, en Portugal.

No campo de á investigación é autor de estudos, libros, artigos e exposicións e fundador das revistas Ciencia urbanística, Arquitecturas Bis e UR: Urbanismo-Revista.

Entre as primeiras reaccións, tras coñecerse a noticia da súa morte, está a de Jordi Martí, presidente do grupo municipal socialista no Concello de Barcelona. Segundo Martí, Solà-Morales apostou por "unha urbanidade sensible, ética, vigorosa e profundamente culta".El novo líder socialista e exdelegado de Cultura do Concello de Barcelona sinalou que o xeito de facer cidade de Solà-Morales estivo "sempre no trasfondo do denominado modelo Barcelona, tanto polos seus proxectos, coma pola súa mestría, que influíu decisivamente en toda unha xeración de arquitectos". Segundo asegurou Martí "as súas dez leccións sobre Barcelona denotan a profundidade no coñecemento da cidade en todas as súas dimensións, así como a súa vocación pedagóxica". Pola súa banda, o alcalde Xavier Trias destacou a contribución do arquitecto ao benestar dos barceloneses. Nun comunicado de pésame, Trias sinala que "Manuel Solà-Morales personificou a Barcelona que se constrúe e se sustenta na excelencia e o coñecemento". Tamén sinalou a súa "inmensa erudición", "a gran vocación de mestría" do defunto, e recordou que recibiu o Premio Ciutat de Barcelona en 1985. "

EL PAIS (27.02.2012). "Fallece el arquitecto y urbanista Manuel de Solà-Morales"


“Incertes Glòries” article de M. de Solà-Morales

EL PERIODICO.COM (28.02.2012). Fallece Manuel de Solà-Morales, maestro del urbanismo de BCN