Colexio oficial de arquitectos de Galicia - Delegación Lugo

COAGLUGO

15/03/2012 | Publicacións Técnicas

GUÍA DE ESTUDOS DE IMPACTO E INTEGRACIÓN PAISAXÍSTICA

O pasado mes de febreiro, na sede da Escola Galega de Paisaxe, o Director Xeral de Sostibilidade e Paisaxe e o Xefe de Servizo de Paisaxe da Xunta de Galicia, presentaron o Estudio do Impacto e Integración Paisaxística.

O estudio do Impacto e Integración Paisaxística é un dos instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe previsto na Lei 7/2008 do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia. Así, en todos os proxectos que deban someterse ao procedemento de Declaración de impacto ambiental, según se establece na lexislación sectorial vixente, as entidades promotoras deberán incorporar no estudio de impacto ambiental un estudio de impacto e integración paisaxística (EIIP).


 

Para que serve?

Concíbese como un documento específico no que se avaliarán os efectos e impactos que o proxecto pida provocar na paisaxe e, sobre todo, as medidas de integración paisaxística propostas.
Que contidos debe ter?

Segundo o artigo 11.2 da antedita lei da paisaxe, un EIIP deberá conter:

·Unha diagnose do estado actual da paisaxe, principais compoñentes, valores paisaxísticos, visibilidade e fraxilidade da paisaxe

·As características principais do proxecto

·O impacto previsto do proxecto sobre os elementos que configuran a paisaxe

·A xustificación de cómo se incorporaron ao proxecto os obxectivos de calidade paisaxística e as determinacións das directrices da paisaxe establecidas para a unidade de paisaxe na que se pretende executar a actuación. O contido deste apartado será preceptivo unha vez que sexan aprobadas tales directrices

·Os criterios e as medidas que se deben adoptar para acadar a integración paisaxística do proxecto

A necesidade dunha guía metodolóxica

O EIIP é, polo tanto, un documento novo que se vincula ó procedemento de Declaración de Impacto Ambiental, acompañando ó Estudo de Impacto Ambiental, aínda que con natureza propia e suxeito a informe particular por parte da administración. En consecuencia publícase unha guía coa intención de axudar ós equipos redactores, axilizando os procedementos a través dunha documentación coherente co alcance da actuación e coa capacidade de acollida do territorio.

Guía Estudos de Impacto e Integración Paisaxística